Santiago pedirá á Xunta subir os impostos ao turismo cunha nova taxa

Pretenden cobrar unha taxa turística que grave as estancias con ou sen pernoctación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O pleno de Santiago de Compostela acordou este xoves instar á Xunta a crear e regular unha taxa turística sobre estancias turísticas que permita gravar as estancias con ou sen pernoctación.  Así se recolle nunha iniciativa aprobada por mor dunha preposición presentada por Compostela Aberta e que, tras ser emendada polo grupo municipal socialista, viu luz verde co voto a favor do PSOE, CA e BNG. Pola súa banda, os populares abstivéronse. 

Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO
Imaxe da fachada do Pazo de Raxoi. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

O texto inicial da preposición foi presentado pola edil de Compostela Aberta María Rozas, quen asegurou que a taxa turística está implementada "desde hai bastantes anos" na metade de países europeos" e que en España se aplica en Cataluña e Baleares.

"Cada vez máis cidades estudan a súa implantación", sostivo Rozas, que lembrou que o catedrático Luís Caramés realizou un estudo sobre a implantación deste gravame na capital galega. O traballo, conforme lembrou, "concluía que a taxa era unha medida apropiada para a cidade sempre que se aplique de forma proporcionada" e que, "utilizando un tipo medio" de "un euro" permitiría recadar "un millón".

APOIO DO BNG E ABSTENCIÓN DO PP

A iniciativa foi apoiada polo BNG, cuxa portavoz local, Goretti Sanmartín, considerou que esta medida permitiría pagar algúns dos "prexuízos" do turismo. Así, sinalou que moitos estudos demostran que "implantar esta taxa non supón ningún problema de perdas" senón "ao contrario" xa que moitas veces fai que "se revalorice e se avance cara a un turismo de máis calidade".

"O que queremos pór sobre a mesa é a importancia de que esa taxa non sexa para recadar por recadar", subliñou a nacionalista para avogar por un acordo entre os grupos para decidir o futuro deses fondos. Pola súa banda, os populares optaron pola abstención. O seu portavoz, Alejandro Sánchez Brunete, considerou que a implantación desta taxa é "un debate interesante" pero que require dun "estudo sosegado" para acreditar cuestións como que non se reduza a demanda. "É unha idea que hai que madurar un pouco máis. Necesita tempo, diálogo coa Xunta de Galicia e concreción", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta