Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 14:59
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reafirmouse este xoves en que a formación que lidera é "nacionalista", como din as súas siglas, e "republicana", e observou que "ultimamente hai unha obsesión de Feijóo e do PP, que está centrado e preocupado en definir ao BNG". "Xa o facemos nós cada día, somos unha forza política moi clara, Galicia é unha nación nun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe", subliñou.
Pontón respondeu así ao ser interpelada pola reacción do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ás palabras dun deputado de Cidadáns no transcurso do debate da sección de cultura dos orzamentos. O deputado de Cs, entre outras cousas, reprobou que "o nacionalismo é a peste da cultura occidental" ao que Rego --que interveu xusto a continuación-- respondeu censurando o discurso de "apoloxía do supremacismo español e a laudatio do colonialismo e imperialismo".
"É a imaxe, precisamente, dun imperio caducado que perderá, mal que lles a pesar dalgúns, e máis pronto que tarde, as últimas nacións oprimidas que quedan, nacións como Galicia que, mal que lles a pesar dalgúns, máis pronto que tarde, será unha república libre e soberana", defendeu na tribuna do Congreso Néstor Rego, unhas palabras que foron interpretadas por algunhas voces --como algún dirixente do PP-- como un desmarque da liña oficial marcada na XVII asemblea do BNG.
Preguntada en varias ocasións, Pontón evitou entrar nas palabras concretas do tamén membro da Executiva Nacional e salientou que a formación nacionalista xa se define "cada día". "Somos unha forza política moi clara", aseverou, para soster: "Canto máis se decida en Galicia, mellor nos irá".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.