Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 17:19
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na Cámara baixa para que sexa recoñecida a totalidade da superficie como admisible, no caso dos pastos arbustivos e de baixo arboledo, nos criterios para acceder a axudas da Política Agraria Común (PAC).
Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario nacionalista considera que, para que Galicia "non continúe sendo prexudicada" na PAC, urxe deseñar un sistema específico que inclúa a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos e establecer a admisión destes entre a superficie susceptible de recibir axudas. Por último, Rego propón incorporar a identificación de prácticas locais establecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación dos valores protexidos.
Segundo sinala o deputado do BNG, a gandaría extensiva atópase dentro dos obxectivos que promove a PAC. Ademais, apunta que nos plans estratéxicos menciónase o concepto superficie admisible referíndose a que non toda será incluída para os efectos de cobro das axudas. Por iso, alerta de que "gran parte das hectáreas dedicadas á produción agraria en Galicia quedarán sen recibir axudas polas súas características de pasto arbustivo ou de pequenas árbores".
Por este motivo, o parlamentario do BNG rexistra iniciativas para adecuar os criterios para recibir as axudas da PAC e adaptalos para que os gandeiros e gandeiras galegas poidan percibir as bonificacións económicas. Ademais, o BNG lembra que xa presentou iniciativas neste sentido no Parlamento de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.