Chelo Loureiro: "As crianzas con síndrome de Down teñen as mesmas ilusións que calquera outra"

Valentina, a primeira película de animación cunha protagonista con síndrome de Down estréase en cinemas o 10 de decembro da man da directora Chelo Loureiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2021 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

Valentina é unha nena que soña con ser trapecista pero cre que non poderá conseguilo por ter síndrome de Down. E é que, en palabras da directora da película de animación que conta a historia na que Valentina é protagonista, a ferrolá Chelo Loureiro, "mentres a outros nenos lles dan ás, a estes córtanllas". E as crianzas con síndrome de Down "teñen as mesmas ilusións que calquera outro".

Loureiro é directora, produtora e guionista de 'Valentina', a primeira película de animación cunha protagonista con síndrome de Down, que se estrea en cinemas o 10 de decembro. O filme conta a historia da nena e o seu soño, para o que a súa avoa sempre a anima a perseverar cunha mensaxe: "Se as eirugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible". Un día, sen despedirse da súa neta, a avoa marcha de viaxe e Valentina decide ir na súa procura acompañada do seu amigo Chiqui e as figuras do taboleiro de xadrez.

Pero con esta película, en palabras de Chelo Loureiro, nunha entrevista concedida a Europa Press, non "pretendía contar a historia dun destes nenos", senón que a súa pretensión era "normalizar a mirada cara a estes nenos e calquera adulto". "Eu o que quería era contar a historia dunha nena cunha discapacidade, pero normalizada; que a historia non fóra sobre a discapacidade, senón sobre a historia desa nena, neste caso Valentina, que ten as mesmas ilusións que calquera outro neno", explica.

INFANCIA "IGUAL" A CALQUERA OUTRA CRIANZA

Loureiro considera que quen vive con calquera persoa con esta discapacidade veo "como algo cotiá", para si mesma e para a súa familia. "O que pasa é que moitas veces o resto veas como persoas diferentes, pero eles non o son. Son como son", engade a directora. "Valentina vive a súa infancia igual que calquera outro neno, pero moitas veces mentres aos outros nenos lles dan ás, a estes córtanllas. Creo que é iso sobre o que deberiamos reflexionar e axudarlles a que os seus soños se cumpran tamén", indicou.

Nesta liña de crear unha película que axudase a "normalizar" a mirada, Loureiro contactou con diferentes asociacións a nivel autonómico e estatal para crear o personaxe. Varias nenas con síndrome de Down que deron vida a Valentina e as dobradoras, tanto en galego como en castelán, teñen síndrome de Down. "Eu tiña claro que non quería poñer unha actriz de dobraxe imitándoa. Non só porque é moi difícil imitar as súas voces, xa que son moi características, senón que se estamos a falar de integración non tiña sentido crear unha farsa", relatou.

Ao preguntarlle por como foi percibida a iniciativa por parte das distintas asociacións, afirmou que "en todos os centros Down acolleron o proxecto con moita ilusión porque eles o que queren é que se lles visibilice e respecte". Así, "están entusiasmados e moi contentos".

DESEÑO DE AUTOR

Do mesmo xeito que en traballos anteriores, nesta película a directora segue unha liña de animación de autor afastada da estética de Disney e Pixar, "que a final de contas é o que vende". Ao longo da súa traxectoria a directora traballou con talento galego porque cre "que hai que apostar polos talentos de aquí, que son moitos, tanto en España como en Galicia", e gústalle "darlles unha oportunidade".

É consciente de que a película é para un "público moito máis reducido" que "evidentemente non se ve correspondido co público de masas nas salas", pero que é "algo moi importante" para ela e o que de verdade lle fai sentir ben. Para ilustrar a película, contaron co artista David Pintor, gañador de varios premios internacionais e autor de multitude de contos infantís. Para poder adaptarse ao estilo do ilustrador utilizaron unha mestura de 3D e 2D precisamente para achegarse "o máximo posible" ao estilo de David Pintor, que ve "un magnífico e enorme ilustrador infantil, cargado de premios" e que admira.

GALICIA E INTERNACIONALIZACIÓN

'Valentina' está producida en Galicia, a versión orixinal é en galego, e ao longo da viaxe da protagonista aparecen diferentes lugares da xeografía galega como pode ser Santiago de Compostela, coa Praza de Pratarías e o parque de Bonaval, ou Ourense. "A min interésame moito que Galicia estea presente, que a historia estea nun sitio do que parte, a min o meu país encántame vendelo e que sexa reconocible", sinalou, antes de explicar que, por iso, buscou "localizacións que sexan reconocibles para calquera, xa estea noutro país como na propia Galicia".

Un dos obxectos clave da película é o xogo do xadrez, tanto as figuras, que representan distintos personaxes: "Por exemplo, na viaxe o rei e a raíña fan de alter ego de mamá e papá, e os outros son tan atolondrados como poden ser os nenos, cunha personalidade infantil", como por ser o xogo que lle ensina a súa avoa. "O xadrez paréceme un xogo antiquísimo, ao que pode xogar todo o mundo. Cando planificas unha historia tes que pensar que se vai ver en todo o mundo. Nunca planifico unha historia só para a miña contorna, para o meu país, penso en facela internacional", sinalou.

UNHA PELÍCULA NON SÓ PARA A RAPAZADA

"O que me gustaría é que 'Valentina' lles gustase e divertise. Pero ademais, como os nenos non van ao cinema sós, que lles poida servir de tema de conversación e reflexión. Porque se non teñen na súa casa a alguén con estas características probablemente nunca se parou a pensar", trasladou.

Ademais, un dos temas que toca a película é a morte e como enfrontarse a iso. Chelo espera que 'Valentina' axude a afrontar ese tema "sobre todo aos pais e que lles sirva como unha ferramenta. Porque hai moitos pais que non saben como enfocar este tema".

A cineasta Chelo Loureiro
A cineasta Chelo Loureiro | Fonte: arquivo

Fotograma de 'Valentina'.. PRODUTORA DE 'VALENTINA'
Fotograma de 'Valentina'.. PRODUTORA DE 'VALENTINA' | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta