O BNG pide o Goberno que rexeite a proposta de cotas pesqueiras para 2022

O mes de decembro será decisivo para a frota pesqueira galega tras o Consello de Ministros de Pesca que aprobará as cotas de pesca para 2022.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2021 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou iniciativas no Congreso para que o Goberno central rexeite a proposta de cotas de pesca para 2022 da Unión Europea ao entender que suporá unha redución das mesmas e que afectará "gravemente" á frota pesqueira galega.

En concreto, demanda ao Executivo central "que defenda diante da Unión Europea a aplicación real de variables económicas e sociais contempladas na Política Pesqueira Común para a fixación de captura, o que evitaría esa rebaixa, e que se recoñeza a Galicia como "zona altamente dependente da pesca", así como capacidade directa de negociación.

Neste sentido, o BNG apunta que decembro será "decisivo" para a frota pesqueira galega tras o Consello de Ministros de Pesca que aprobará as cotas de pesca para 2022. "Cotas xestionadas pola UE que quedarían pendentes de negociación co Reino Unido e Noruega posteriormente".

"Pero a proposta non parece concordar cos datos científicos existentes", sinala o BNG que afirma que "tampouco teñen en conta as variables económicas e sociais que se deberían incluír segundo a propia Política Pesqueira Común".

En particular, sinala que "os recortes máis significativos" son na pescada do Cantábrico, no xurelo e o linguado "e de novo a prohibición de pesca de lagostino en Galicia, a pesar de existir informes que constatan a melloría da poboación".

"De prosperar a proposta do comisario de Pesca da Unión Europea, a frota pesqueira galega veríase gravemente afectada", advirte o deputado do BNG, Néstor Rego, que alerta de que esta decisión podería abocar ao incremento de peticións de despezamento de barcos en Galicia.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso. BNG
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta