Galicia terá o seu mapa de hidróxeno verde

A Xunta colaborará co Centro Nacional de Hidróxeno.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/11/2021 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A Xunta colaborará co Centro Nacional de Hidróxeno para elaborar o mapa desta enerxía en Galicia, unha ferramenta coa que a Xunta aspira a consolidar o país como polo enerxético innovador.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantén unha reunión con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantén unha reunión con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno | Fonte: Xunta de Galicia.

Con este obxectivo, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, reuniuse este luns en Santiago con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno, co obxectivo de avanzar no deseño deste mapa.

No acto, a directora xeral destacou a "gran oportunidade" que ten por diante Galicia para consolidarse como polo enerxético innovador e sinalou que o hidróxeno vai ser fundamental e unha das pezas claves para o desenvolvemento da transformación dixital e ecolóxica.

Precisamente, para avanzar na economía verde e no compromiso de traballar desde a colaboración público-privada, a Xunta lembrou que convocou este mesmo ano unha manifestación de interese sobre hidróxeno verde, o que supuxo unha oportunidade para identificar potenciais usos desta tecnoloxía en Galicia e liderar así o seu despregamento en España.

A convocatoria --dirixida tanto a pemes como a grades empresas-- recibiu 54 propostas repartidas entre 44 promotores diferentes e entre elas destacan as vinculadas coa adaptación de procesos, o proxecto piloto ou de carácter demostrativo ou as iniciativas sobre hidróxeno que se centran no desenvolvemento de I+D+i.

Conforme sinalou a Xunta, a avaliación dos resultados desta manifestación de interese serviu tamén como punto de partida para a definición da nova orde de axudas que o Goberno galego convocará o próximo ano e que suma 10 millóns de euros, co fin de colaborar en proxectos con aplicacións industriais que favorezan o uso do hidróxeno.

En concreto, os orzamentos da Vicepresidencia económica para 2022, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) --organismo que tamén dirixe Uría--, recolle unha partida inicial de 2 millóns de euros que se completarán en 2023 con 8 millóns máis para o desembolso das axudas concedidas unha vez se comece a certificar os proxectos.

Por último, a directora xeral lembrou que a candidatura que presenta o Goberno galego para optar aos fondos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable, tendo en conta que un 40% dos 70.000 millóns previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia dedicaranse á sustentabilidade climática e á transición cara a un modelo enerxético renovable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta