A Xunta traslada a Bruxelas que a frota galega non será rendible se elimina as bonificacións a combustibles

As embarcacións máis afectadas serían as de arrastre e palangre de altura e gran altura, que entrarían en perdas estruturais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/11/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou este martes á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DX MARE), Charlina Vitcheva, e a representantes doutros departamentos da Comisión Europea que a posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca provocarían que a frota galega deixase de ser rendible.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reúnese en Bruxelas coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca, Charlina Vitcheva
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reúnese en Bruxelas coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca, Charlina Vitcheva | Fonte: Xunta de Galicia.

Así o reflicte o informe de Galicia que a titular de Mar entregou nas reunións mantidas en Bruxelas e no que se dá conta do posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio (OMC) e da Comisión Europea para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles da frota.

En declaracións este martes en Bruxelas, a conselleira alertou de que se vive unha "situación complicada" no sector porque o prezo do combustible incrementouse un 46% no último ano. Se se compara con maio de 2020, esa repunta é do 120%.

Neste sentido, Rosa Quintana reclama unha transición enerxética "xusta" con alternativas a combustibles fósiles no deseño de novos buques, pero non se pode sacar estas bonificacións "dun día para outro" e que "leve por diante a todo o sector pesqueiro".

O estudo presentado pola Xunta ten como obxectivo contrarrestar as propostas de supresión de bonificacións e mostrar o impacto que esas medidas fiscais poden ter no sector pesqueiro galego nos ámbitos xurídico, ambiental e económico.

No ámbito económico, o informe simula tres escenarios en función da menor ou maior subida da presión fiscal. En relación ao peor dos escenarios, destaca que mesmo no segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, estaría por baixo do salario medio bruto de Galicia --que é de preto de 22.200 euros--. As frotas máis afectadas serían a de arrastre e palangre de altura e gran altura, que entrarían en perdas estruturais.

Este estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e de Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela dá conta ademais do peso que ten o combustible nos gastos derivados da actividade das distintas frotas, que varía entre o 20% no caso da pesca de baixura e o 44% no do arrastre, cunha media do 30%.

Segundo sinala Rosa Quintana, unha maior presión fiscal sobre o combustible na pesca derivaría en feitos como o abandono da actividade, o seu desenvolvemento en pesqueiras máis próximas á costa ou na redución da velocidade, o que alongaría o tempo de chegada a porto e reduciría a frescura do peixe e o seu valor.

No ámbito xurídico, o informe incide, entre outros aspectos, na necesidade de que a regulación sobre a fiscalidade dos combustibles teña en conta a finalidade para que son empregados.

Nesta liña, subliña que a pesca é unha actividade dirixida ao abastecemento de alimentos altamente nutritivos e cunha das máis baixas pegadas de carbono para a súa obtención.

Ademais, fai fincapé na importancia do 'level playing field' e da coordinación deste tipo de normativas co fin de que non haxa solapamiento entre as medidas da OMC e da UE ou doutras organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional (OMI). Esta análise foi realizado pola Fundación MarInnLeg.

En canto ao ámbito ambiental, recolle un estudo do Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela. Esta parte destaca a necesidade urxente de comprender os impactos ambientais derivados de sistemas de produción pesqueiros e acuícolas para xestionalos mellor e promover un sector máis sustentable. Neste sentido, recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que achega en función da súa pegada de carbono.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta