Temas: FRASEOLOXíA

“Ó chou”, “a rumbo” ou “a vulto”, equivalentes, entre varias máis, ás castelás “a voleo” ou “al tuntún”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 05/12/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Para dar conta de accións que se dan, se producen, se realizan ou se desenvolven sen seren planeadas; sen seren planificadas; sen se pensar nin se reflexionar de antemán acerca delas; sen partir, por parte de quen as realiza, dunha intención previamente delimitada que en certo modo poida influír no resultado ou facelo prever; e sen se basear en experiencias ou datos previos máis ou menos fiables e contrastados que en certo modo poidan determinar unha influencia no resultado final ou facer prever este –resultado que, daquela, non se pode manifestar como máis ou menos concretamente predicible nin previsible–, en castelán adóitase botar man, entre outras, das locucións al azar, a voleo ou al (buen) tuntún.

Un home sen máscara, chega á cidade de Santiago de Compostela, despois de percorrer o camiño de Santiago, durante o primeiro día no que non é obrigado o uso da máscara en exteriores desde o inicio da pandemia, a 26 de xuño de. César Arxina - Europa Press
Un home sen máscara, chega á cidade de Santiago de Compostela, despois de percorrer o camiño de Santiago, durante o primeiro día no que non é obrigado o uso da máscara en exteriores desde o inicio da pandemia, a 26 de xuño de. César Arxina - Europa Press

A primeira das ditas locucións (al azar) tamén se emprega, en maior medida cás outras, para dar a entender que algo acontece ou se produce de maneira absolutamente aleatoria, con total dependencia do decorrer casual ou fortuíto do destino ou dos acontecementos.

Vexamos locucións galegas que cobren eses mesmos espazos de uso:

Al azar

{= De tal xeito que se dá, se produce, se realiza ou se desenvolve sen se planear; sen se planificar; sen se pensar nin reflexionar de antemán; sen se partir dunha intención previamente delimitada que en certo modo poida influír no resultado ou facelo prever; sen se partir de experiencias ou datos previos máis ou menos fiables e contrastados que en certo modo poidan determinar unha influencia no resultado final ou facer prever este; e/ou con total dependencia do decorrer casual ou fortuíto da vida, do destino ou dos acontecementos.}

Ó chou

Ó azar

[E MAIS]:

Ó chou chou

Ex.: Sin tener ni remota idea de fútbol, y cubriendo la quiniela al azar, acertó más resultados que el “experto” de su padre.

Sen ter nin remota idea de fútbol, e cubrindo a quiniela ó chou ó azar ó chou chou, acertou máis resultados có “experto” de seu pai.

Ex.: Respondió al azar la mayoría de las preguntas de la primera prueba de la oposición a la Xunta, que era tipo test, y aun así consiguió aprobar y pasar el corte.

Respondeu ó chou ó azar ó chou chou as máis das preguntas da primeira proba de oposición á Xunta, que era tipo test, e inda así foi quen de aprobar e de pasar o corte.

Ex.: Huelga decir que un buen investigador nunca puede sacar conclusiones al azar y sin previamente analizar y contrastar los resultados de su trabajo de investigación.

É escusado dicir que un bo investigador nunca pode tirar conclusións ó chou ó azar ó chou chou e sen previamente analizar e contrastar os resultados do seu traballo de investigación.

Ex.: El programa genera números aleatorios al azar.

O programa xera números aleatorios ó chou ó azar ó chou chou.

Ex.: Cada uno tiene que tomar, en la medida de sus posibilidades, las riendas de su vida, y nunca dejarla al azar.

Cada un ten que tomar, na medida das súas posibilidades, as rendas da súa vida, e xamais deixala ó chou ó azar ó chou chou.

Ex.: Si nuestra existencia fuese simplemente una suma de experiencias al azar, nada tendría sentido.

Se a nosa existencia fose simplemente unha suma de experiencias ó chou ó azar ó chou chou, nada tería sentido.

● Tamén:

Al acaso

Ao acaso

● Tamén, inda que abranguendo en bastante menor medida a última das posibilidades referidas na explicación ou “definición” do seu “significado”:

A/Al voleo && Al (buen) tuntún && A bulto && A tontas y a locas

A rumbo && A/Ó vulto && Á(s) toa(s)

Ex.: Sen ter nin remota idea de fútbol, e cubrindo a quiniela a rumbo a/ó vulto á(s) toa(s), acertou máis resultados có “experto” de seu pai.

Ex.: Respondeu a rumbo a/ó vulto á(s) toa(s) as máis das preguntas da primeira proba de oposición á Xunta, que era tipo test, e inda así foi quen de aprobar e de pasar o corte.

Ex.: É escusado dicir que un bo investigador nunca pode tirar conclusións a rumbo a/ó vulto á(s) toa(s) e sen previamente analizar e contrastar os resultados do seu traballo de investigación.

● E mesmo tamén, máis ou menos acaídas en función dos contextos:

(Así) A la buena de Dios

(Así) Á sorte de Deus && Á vaiche boa && (Así) Á boa de Deus && (Así) Ó Deus dará

Ex.: Sen ter nin remota idea de fútbol, e cubrindo a quiniela (así) á sorte de Deus (así) á vaiche boa (así) á boa de Deus (así) ao Deus dará, acertou máis resultados có “experto” de seu pai.

Ex.: Respondeu (así) á sorte de Deus (así) á vaiche boa (así) á boa de Deus (así) ao Deus dará as máis das preguntas da primeira proba de oposición á Xunta, que era tipo test, e inda así foi quen de aprobar e de pasar o corte.

Ex.: É escusado dicir que un bo investigador nunca pode tirar conclusións (así) á sorte de Deus (así) á vaiche boa (así) á boa de Deus (así) ao Deus dará e sen previamente analizar e contrastar os resultados do seu traballo de investigación.

● E inda, igualmente máis ou menos acaídas en función dos contextos:

(Así) A lo que salga

(Así) Ó que cadre && (Así) Ó que saia

NOTAS:

1. O profesor Elixio Rivas Quintas, no seu traballo Frampas, contribución al diccionario gallego, rexistra, gardando relación coas locucións que tratamos hoxe, a secuencia expresiva ir á pedra perdida:

«En Fondo de Vila: Ir á pedra perdida (a probar fortuna, al acaso); Nas seghas a Castilla ibamos contratados, pero non faltaba quen iba á pedra perdida tamén

Descoñecemos se os seus contextos de uso van máis alá destes casos en que funciona como complemento do verbo ir, manifestando o significado de “ir á sorte de Deus, ir á ventura, ir ao acaso”.

E, tamén relacionada (mesmo diriamos que sinónima, cando menos en contextos), podemos dar conta da locución verbal ir # andar ás baroutas, que se vén a corresponder, como veremos no seu momento, coas castelás andar al acaso # al azar # a la (buena) ventura, ou mesmo con deambular ou andar deambulando.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Aguirre del Río, Luis: Diccionario del dialecto gallego. Edición de Carme Hermida Gulías. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta