A Fiscalía mantén a petición de dez anos de cárcere para un acusado de abuso sexual á súa curmá cando era menor

O caso, visto para sentenza: Fiscalía dá "total credibilidade" ao relato da muller e a defensa do acusado pide a súa libre absolución.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 30/11/2021 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza este martes día 30 de novembro un xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente, de forma continuada durante anos, da súa curmá, cando esta tiña entre 7 e 12 anos de idade.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

A Fiscalía deu "total credibilidade" ao relato da muller e mantivo a súa petición inicial de condena, polo que reclama que se lle impoña ao acusado unha pena de 10 anos de prisión.

No seu informe, o Ministerio Fiscal sinalou que, unha vez concluída a vista oral, atopa "moi sincera" a declaración da denunciante. "Non dubido da realidade dos feitos denunciados" e destacou a fiscal respecto da "verosimilitude" do testemuño desta muller na que "non se atopa un móbil espurio" e o seu relato do ocorrido ve como "uniforme, constante e persistente no tempo".

A declaración da denunciante produciuse a porta pechada e protexida detrás dun biombo. Segundo referiu a Fiscalía, esta moza contou que, cando era menor de idade, turnábase coa súa irmá para durmir en casa da súa tía avoa, xa que o seu fillo (o acusado) marchaba por motivos laborais e ela quedaba soa.

Cando o procesado regresou, as menores seguiron indo pasar a noite a casa do seu familiar e, nunha data non determinada de 2001, cando a vítima tiña 7 anos de idade, comezaron os abusos. A Fiscalía sinala que o acusado (que entón tiña 39 anos) coa escusa de xogar ás cartas coa nena, mandáballe pechar a porta da habitación para quedar a soas con ela.

Inicialmente, o home limitábase a mostrarlle o seu pene e a masturbarse diante dela, pero os feitos fóronse agravando aínda máis co tempo.

A vítima explicou que os abusos foron continuados ata 2007, cando a tía avoa sorprendeu un día á nena, que xa tiña 12 anos, co acusado, tendo ela os pantalóns e a roupa interior baixada. Desde ese momento, a vítima tomou conciencia da situación e comezou a evitar o acusado.

O acusado declarouse inocente e negou os feitos que lle levaron a sentar no banco da Audiencia de Pontevedra.

CADRO DE ANSIEDADE

A psicóloga clínica e as psiquiatras do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) explicaron ao tribunal que anos despois, en marzo de 2017, a vítima, xa unha muller adulta, iniciou un cadro clínico ansioso con importante repercusión funcional tras evocación de recordo traumático en forma de crise de ansiedade, nerviosismo, psicosomatización, irritabilidade, baixo estado anímico, dificultade de concentración, hiperalerta, ideas pasivas de morte e autolesións, incremento de consumo de alcol e abuso de ansiolíticos e condutas de evitación.

Todo iso compatible cun cadro de "tensión postraumática de inicio retardado". De feito, a nova, que presentou denuncia polos abusos en 2019, tivo que someterse a tratamento médico e psicoterapéutico, aínda que persisten as secuelas.

PETICIÓN DE LIBRE ABSOLUCIÓN

O avogado da defensa tratou de desvirtuar os informes da psicóloga e as psiquiatras forenses pola súa "falta de obxectividade" e asegurou que a denunciante "fabula para conseguir os seus obxectivos", xa que as familias mantiñan unha mala relación derivada de "problemas económicos e envexas". Por todo iso pediu a libre absolución do seu cliente.

Tanto a Fiscalía como a acusación particular consideran o acusado autor dun delito continuado de abuso sexual sobre menor de 13 anos, aproveitando a súa situación de superioridade e con introdución de membros corporais por vía vaxinal. Así, piden que sexa condenado a 10 anos de cárcere, e que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 12 anos. Tamén reclama que indemnice á moza en 20.000 euros polas lesións psíquicas consecuencia dos abusos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta