O "colapso" do carbón en Galicia reduciu nun 24% os gases de efecto invernadoiro

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón marca como obxectivo para o 2030 baixar as emisións nun 65%.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Por 2018, Galicia tiña dúas grandes centrais térmicas en funcionamento: As Pontes e Meirama. Tras a agonía da primeira e o peche desta última, as emisións vencelladas ao efecto invernadoiro e o cambio climático descenderon notablemente. Ese é o balance que fai a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, que este 1 de decembro cumpre tres anos á fronte do movemento ambiental galego. 

Central térmica de Meirama dende unha das torres do complexo. O pequeno rueiro que se aprecia ao pé da torre de refrixeración é a Lousa de Arriba. NATURGY - Arquivo
Central térmica de Meirama dende unha das torres do complexo. O pequeno rueiro que se aprecia ao pé da torre de refrixeración é a Lousa de Arriba. NATURGY - Arquivo

Para a plataforma, que ve "contados" os días do carbón en Galicia, trátase dun avance "moi importante" no "necesario e urxente abandono dos combustíbeis fósiles". Neste aspecto, avanzan que a xa práctica desaparición do carbón do mix enerxético será "definitiva" en 2022, acentuando aínda máis ese "recorte sen precedentes" das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro causantes da crise climática. 

"Entre 2018 e 2019 (ano con datos oficiais máis recentes), as emisións totais de Galicia baixaron de 29,7 a 22,4 millóns de toneladas. Foi un descenso de 7,3 millóns atribuíbel á redución das emisións de CO2 (o principal GEI) das centrais de carbón, que caeron de 10,1 millóns en 2018 a 2,5 en 2019", explican. Esta redución vencellada ao "colapso do carbón" tamén tería permitido reducir nun 24% as emisións GEI de Galicia entre 1990 e 2019. "Na presente década, crucial para evitar unha catástrofe climática global, deberían diminuír polo menos até un 65%", explican dende a asociación, que apunta a este obxectivo como un limiar "moi superior ao das políticas enerxéticas e climáticas galega e española, que non están en liña co Acordo de París". 

PETRÓLEO E GAS, OS PRÓXIMOS OBXECTIVOS

E é que para chegar a esta redución de cando menos o 65% das emisións de GEI antes de 2030, aseguran que sería preciso "unha forte diminución no consumo de petróleo e gas fósil", un dúo que está a substituír "parcialmente o carbón na xeración eléctrica no noso país", explican apuntando directamente ao "importante aumento da actividade das centrais de ciclo combinado de gas fósil", como a propia das Pontes, a de Sabón e a regasificadora de Reganoas que as abastece dende Mugardos. Aínda así, o trunfo sobre o carbón está claro, xa que, de acordo coas mesmas fontes, este pasou de achegar un 30-40% da produción eléctrica galega a "tan só o 1,5% no que levamos de 2021".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta