Empresas galegas e novas tecnoloxías, unha relación imposible?

As novas tecnoloxías facilitan a incorporación de empresas a mercados antes imposibles. A falta de talento ou a súa fuga, a falta de interese e investimento impedirán a incorporación ao tren tecnolóxico de moitas PEMES. As condicións laborais e as conexións dixitais non estarían permitindo unha incorporación axeitada dos e das traballadoras ao mercado así como a aparición de lagoas legais en canto horarios e tempo investido

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A chegada da pandemia COVID puxo todo co de abaixo para arriba, e os diferentes sectores produtivos non foron unha excepción. A resolución dalgúns problemas veu da man das vídeoconferencias, das conexións en liña para planificación e envío de mercadorías. Unha oportunidade para desenvolver novas iniciativas cos seus correspondentes postos de traballo. Non obstante, a impresión é que se se apostou polas novas tecnoloxías (TIC) e a dixitalización das empresas, hai quen considera que estamos moi lonxe de acadar obxectivos a medio prazo ou simplemente, de perdelos.

ITAINNOVA exporá os seus últimos proxectos en robótica na Feira virtual GR-EX.. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo
ITAINNOVA exporá os seus últimos proxectos en robótica na Feira virtual GR-EX.. GOBERNO DE ARAGÓN - Arquivo

TALENTO E APOIOS

“A realidade das PEMES en Galicia non é moi diferente ás do resto do Estado, están moi pouco dixitalizadas” di Luis Sestelo, presidente de INEO, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación. As empresas a partir da pandemia consideraron que dixitalizarse era crear vídeoconferencias e compartir información ou realizar reunións. “A dixitalización implica un cambio no sistema de produción industrial” di Sestelo.

Aos puntos anteriores engádese que “a situación das PEMES actualmente é complexa ante a falta de subministros, os altos custes da enerxía e que agora mesmo esas empresas poden estar pensando máis en solucións relativas a Recursos Humanos (RRHH) que na dixitalización”. Isto tradúcese en ERTES, ERES ou peches dalgunhas empresas antes que pensar en investir en proxectos tecnolóxicos que poderían abrirlles novas posibilidades.

Desde a Xunta de Galicia, abríronse liñas de axudas cun total de 115 millóns de euros. Concretando máis, o goberno galego destinará o ano que vén “55 millóns de euros para acelerar a dixitalización de pemes e micropemes” mediante os programas Cheque Dixital ou ReAcciona e apoio ás business factory. Outros seis millóns irán á dixitalización do comercio de proximidade.

Imaxe de arquivo sobre novas tecnoloxías
Imaxe de arquivo sobre novas tecnoloxías | Fonte: Europa Press

Sumado ao anterior, o goberno galego deseñou un Plan estratéxico para o sector TIC como motor do cambio tecnolóxico en Galicia, cun núcleo de desenvolvemento na Cidade das TIC na Coruña, por un valor de 4,82 millóns. Outra iniciativa é a sinatura dun convenio entre a Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para a posta en marcha da infraestrutura Galaxy-Lab na futura Cidade das TIC, e o fortalecemento e desenvolvemento das capacidades competitivas do Polo Aeroespacial de Galicia.

Luis Sestelo resalta que “desde hai tempo INEO puxo sobre a mesa no seu día un proxecto para o desenvolvemento da dixitalización dentro das PEMES”. A pesar disto, a impresión que se ten das PEMES é que “parecen estar esperando que arrinquen as grandes para poñerse en marcha” como sería o caso de Stellantis en Vigo. O significado é que as PEMES ás veces esperan que o máis grande se mova para movérense elas.

Sobre os investimentos públicos, Luis Sestelo considera que o “café para todos” da Xunta, esparexer o diñeiro en múltiples proxectos a un tempo, pode acabar sendo contraproducente. “Un exemplo, o investimento na fabricación de drones, un proxecto moi bo mais que non acaba de consolidarse”. Ante isto, o ideal sería apostar por proxectos moi concretos e poñer sobre eles a maior parte dos esforzos. “A aposta neste caso, foi correcta, mais o necesario agora é xestión e non quedar só nun polo de desenvolvemento”.

“Hai que apostar polo talento, polas novas xeracións de xente formada, porque unha Cidade das TIC só son catro paredes sen persoas dentro”. Por outra parte está a necesidade de apostar polo global, elemento parello ao talento, pois permite abrirse a novas capacitacións que enriquecen o talento.

UNHA VISIÓN LABORAL

“As PEMES galegas non subiron ao tren da dixitalización, nin en investigación nin en formación ao persoal” di Maica Bouza de CCOO. Dentro das empresas “segue sen verse a cultura da formación como un investimento, tanto é así que mesmo os cadros directivos ás veces tampouco están formados”. Esta visión mostraría unha certa parálise ou aquilosamento do tecido PEME galego. “Por outra parte a formación pública tampouco vai acompasada coa sociedade e os cambios no modelo produtivo”.

Os cambios no modelo de produción implican moitas veces “traslados, horarios laborais moi longos e traballar desde a túa casa como modelo “teletraballo” di Francisco González Sío, da CIG. Esta modalidade tivo que ser regulada cunha lei “feita ás présas e cunha Inspección de Traballo que choca de fociños co dereito á inditimidade porque non poden entrar no fogar dunha persoa que está teletraballando”.

“O teletraballo en Galicia só poden realizalo de maneira segura as persoas que viven no Eixo Atlántico onde a conectividade é boa” di Bouza. Por outra parte “a idea do teletraballo era que levases o teu computador para a casa” e botar horas sen control. “O teletraballo é voluntario e debe facerse con medios da empresa e tempo de desconexión”.

“Galicia non entrou no cambio tecnolóxico, non se fixo investimento para crear empresas vinculadas ás TIC, seguen con modelos como os de montaxe de vehículos” sinala Sío. Á parte disto, “hai que mellorar o sistema educativo público cun deseño axeitado ás demandas da sociedade e non realizando recortes sobre el”. O obxectivo sería ter persoal formado mais coa escasa implementación tecnolóxica en Galicia eses cadros formados non poderían ter saída aquí co que deberían buscala fóra.

Tecnoloxicamente as PEMES galegas (e a maioría das españolas) están lonxe de acadar postos de vantaxe en adaptación tecnolóxica. Mesmo cando se ve que o comercio global xa se realiza en liña maioritariamente. A necesidade de desenvolver iniciativas de modernización industrial pasa pola creación de modelos educativos modernos, introducir a idea de necesidade para incorporarse ás TIC dentro das PEMES e buscar novas vías de negocio e comercialización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Preguntemos a Lobeira, Pontón y Pacorro, tan vanguardistas ellos.