O Parlamento demanda ao Goberno que inclúa o naval entre os sectores que poidan recibir axudas rexionais

O pasado 29 de abril a Comisión Europea adoptou o texto das novas directrices sobre axudas rexionais, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, abríndose o prazo para que os Estados membros notifiquen á Comisión Europea os seus futuros mapas de axudas rexionais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

O Parlamento galego instou á Xunta a dirixirse ao Goberno central para que impulse ante a Comisión Europea a proposta de modificación do decreto de delimitación da zona de promoción económica para Galicia e incluír así o naval entre os sectores promocionables conforme á normativa de axudas rexionais. Esta proposta do Grupo Popular saíu adiante este mércores na Comisión de Industria co apoio do BNG e a abstención do PSdeG.

Así, a deputada popular Teresa Egerique defendeu que esta solicitude "está máis que xustificada dado o importante peso que representa o naval en Galicia, tanto polo seu nivel de actividade como pola súa capacidade de xeración de emprego". "De feito, a ausencia de incentivos económicos ao investimento supón limitar de forma notable a posibilidade de apoiar ao sector naval de forma efectiva", sostén.

O Grupo Popular indica que, na actualidade, a construción, reparación e transformación naval non está incluída entre os cualificados como sectores económicos promocionables en virtude do disposto na normativa sobre axudas rexionais recollida no Real Decreto 161/2008, de 8 de febreiro, que delimita a zona de promoción económica en Galicia.

O pasado 29 de abril a Comisión Europea adoptou o texto das novas directrices sobre axudas rexionais, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, abríndose o prazo para que os Estados membros notifiquen á Comisión Europea os seus futuros mapas de axudas rexionais, que deberán ser obxecto de decisións individuais.

"Atopámonos así no momento oportuno para incluír ao naval entre os sectores económicos promocionables conforme á normativa de axudas rexionais ao investimento, dado que o Goberno de España ten que notificar á Comisión Europea o novo mapa de axudas rexionais de España antes de 31 de decembro", expresa.

Posteriormente, e despois de que a Comisión Europea dea o visto e prace a este novo mapa de axudas, o Goberno central deberá aprobar un novo decreto de delimitación para Galicia, incluíndo entre os seus beneficiarios ao sector naval. Esta nova normativa tería que entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2022.

Respecto diso, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) lamentou que o sector naval "agoniza", pero quéixase de que a Xunta "se mantén a velas vir", pois "está desaparecida" na situación de Ferrolterra e está "a rezar para que saian adiante algunha das mostras de interese en Barreras".

Mentres, o deputado socialista Martín Seco recriminou que con esta proposta os populares só "queren dicir que fan", pois o sector naval xa está recollido no decreto, polo que "queren confundir a opinión pública".

Comisión de Industria. PARLAMENTO
Comisión de Industria. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta