Homenaxean a Eduardo Blanco Amor no cemiterio de San Francisco 42 anos após o seu falecemento

Como cada ano, a Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor rememoran ao escritor ourensán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O cemiterio de San Francisco acolleu este mércores a homenaxe que cada ano organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor, o Centro PEN Galicia e o IES Blanco-Amor, para rememorar o seu falecemento hai xa 42 anos.

No acto participou o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o presidente de PEN Galicia, Luís González Tosar; e o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; ademais de representantes do ámbito cultural.

Fernández destacou a "relación indisoluble entre o autor e a Deputación de Ourense" e subliñou que este acto "ten que ir máis aló dun recordo e converterse nun motivo para pór en valor, entre os máis novos, que Blanco-Amor foi un adiantado á súa época, tanto cultural como socialmente".

González Tosar, tamén en calidade de director da Fundación Branco-Amor, apuntou que esta homenaxe é unha forma de "reivindicar a un ourensán que nos deixou unha obra absolutamente consolidada na literatura galega".

Na homenaxe tamén participou a profesora do IES Blanco-Amor e membro do padroado da fundación, Soedade do Muíño,e unha antiga alumna do centro, Ana Frade, que foi a encargada de representar aos estudantes coa lectura dos seus poemas, inspirados na mensaxe de Blanco-Amor. Cunha ofrenda floral na sepultura do escritor e a música da Real Banda de Gaitas finalizou o acto.

As actividades ao redor da figura do escritor ourensán continuarán esta tarde no Liceo coa entrega, a partir das 20,00 horas, do XL Premio de novela Blanco Amor á escritora coruñesa Branca Riestra, pola súa obra 'Aquí empeza o mar'.

Homenaxe A Eduardo Branco Amor. ALBERTE PAZ
Homenaxe A Eduardo Branco Amor. ALBERTE PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta