Nova mobilización en Galicia contra o "recorte" das pensións por parte do Goberno Central

Critican que a reforma lanzada polo Executivo manteña os aspecto "máis lesivos" das reformas de 2011 e 2013.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Nova mobilización en Galicia contra a reforma das pensións lanzada polo Goberno central. Xubilados e pensionistas mobilizáronse este xoves en diversas cidades galegas contra unha revisión do plan de pensións que "consolida as medidas máis lesivas" lanzadas polo PSOE e o PP e non garante prestacións "dignas". A CIG, que convocou a concentración, subliña que esta reforma  "mantén o atraso na idade de xubilación, a ampliación do período de cálculo e avanza novos recortes".

Mobilización da CIG na Coruña para esixir melloras nos salarios e pensións, así como a derrogación das reformas á xubilación de 2011 e 2013.. CIG
Mobilización da CIG na Coruña para esixir melloras nos salarios e pensións, así como a derrogación das reformas á xubilación de 2011 e 2013.. CIG

Polo tanto, as mobilizacións van encamiñadas a demandar a "derrogación real das reformas de 2011 e 2013", cuxos recortes se estarían a consolidar coa aprobación no Pleno do Congreso da nova lei. Un texto que, para a CIG, constitúe a primeira parte da reforma que formula o Goberno español para cumprir coas duras esixencias que impón a UE para acceder aos fondos NextGeneration.

"Aínda que se nos pretenda presentar esta reforma como a normativa que derroga as anteriores, o certo é que o texto lexislativo perpetúa as medidas máis duras que tanto teñen precarizado o sistema público de pensións", inciden dende a Confederación, que apunta tanto á reforma do PSOE de 2011 como á lanzada polo Partido Popular dous anos despois. Mantense pois a idade de xubilación nos 67 anos e o período de cálculo aos últimos 25 para "reducir a contía" achegada. 

Dende a CIG recoñecen que a normativa apuntada por Sánchez si recupera o IPC como indicador para a revalozación das pensións. Aínda con todo, subliñan, esta "non resolve outro dos grandes problemas do sistema público", e apuntan á "dignificación das prestacións, colocando a pensión mínima no 60% do salario medio, tal e como recomenda a Carta Social Europea. Unha reivindicación que a CIG leva anos facendo e que permitiría elevar as prestacións mínimas aos 1.150€ ao mes", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta