Pensionistas volven saír á rúa en defensa dunhas prestacións públicas "dignas"

Piden a derrogación "real" das reformas de 2011 e 2013, "cuxos recortes se consolidan coa aprobación da nova lei".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG manifestouse este xoves nas sete cidades e en Cangas "en defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas" e para pedir a derrogación "real" das reformas de 2011 e 2013, "cuxos recortes se consolidan coa aprobación da nova lei". Respecto da nova norma, sinalan que o texto constitúe a primeira parte da reforma que formula o Goberno para cumprir coas "duras esixencias que impón a UE para acceder aos fondos de reconstrución".

"Aínda que se nos pretenda presentar esta reforma como a normativa que derroga as anteriores, o certo é que o texto lexislativo perpetúa as medidas máis duras que tanto precarizaron o sistema público de pensións", aseguraron nun comunicado. Así, mantense a reforma do PSOE de 2011 que atrasou aos 67 anos a idade de xubilación e ampliou o período de cálculo aos 25 anos "cun único obxectivo: dificultar o acceso e reducir a contía das pensións".

Aínda que, indican, se recupera o IPC como indicador para a revalorización das pensións, non se estipula a pensión mínima no 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea. "Unha reivindicación que a CIG leva anos facendo e que permitiría elevar as prestacións mínimas aos 1.150 euros ao mes", lembran.

MECANISMO DE EQUIDADE INTERXENERACIONAL

Critican que tampouco se recupera o dereito á xubilación a tempo parcial e "continúa penalizándose" a xubilación anticipada. "Tamén se pon en valor a retirada do factor de sustentabilidade introducido polo PP en 2013, pero que é substituído polo chamado 'mecanismo de equidade interxeneracional', "que suporá novas penalizacións á clase traballadora".

Advirten que á "lesividade" da reforma súmanselle os anuncios de novas medidas para 2022, como ampliar o período de cálculo das pensións dos 25 anos actuais aos 35 ou aumentar a idade de xubilación. Rexeitan, ademais, que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sostidos na negociación colectiva "porque privatizan parte das pensións atendendo ás peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre traballadores precarios e non precarios".

Nesta liña, pensionistas da CIG cuestionaron o chamado 'diálogo social', que consideran "unha ferramenta do capital contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións". "É un exercicio de corrupción institucional do Estado o negociar ás agachadas o futuro do sistema público de pensións, fóra dos ámbitos de representación institucional".

Pensionistas e xubilados maniféstanse na Coruña. CIG
Pensionistas e xubilados maniféstanse na Coruña. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta