Deben os nenos de 5 a 11 anos vacinados usar máscara nas reunións familiares do Nadal?

O investigador do CSIC José Mª Lagarón recomenda desfrutar das festas con seguridade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Dende que a Axencia Europea do Medicamento autorizou a vacina contra o coronavirus para nenos de 5 a 11 anos son moitas as dúbidas que sobreveñen ás nais e pais. Entre esas dúbidas aparece, por exemplo, se debera ou non administrarse no caso de que o cativo pasara a enfermidade ou, unha das máis frecuentes: ten sentido o uso de máscaras tras a vacinación?

Unha nai con dous nenos.. ORBON ALIJA - Arquivo
Unha nai con dous nenos.. ORBON ALIJA - Arquivo

Segundo José Mª Lagarón, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e especialista en materiais de filtración e máscaras, a resposta é que si son necesarias. “As vacinas non preveñen ao cento por cento fronte ás infeccións, aínda que as persoas vacinadas teñen menos probabilidades de ser hospitalizadas ou padecer complicacións serias. Do mesmo xeito, poden contaxiar a outras persoas sen sabelo”, explica o investigador. Por este motivo, os nenos maiores de cinco anos que sexan vacinados proximamente deberán seguir unha serie de recomendacións, do mesmo xeito que o resto da poboación, explican.

E dentro destas indicacións, a principal precisamente é seguir utilizando máscaras, sobre todo en lugares públicos pechados como centros educativos, actividades extraescolares ou transportes públicos, e ao reunirse con familiares de risco en domicilios. Este aspecto é especialmente relevante nas próximas semanas, destacan, coas celebracións do Nadal e os encontros con achegados e amigos, sobre todo tendo en conta que moitos son de máis idade.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística, hai máis de tres millóns de nenos en España con idades comprendidas entre os 5 e 11 anos. “A vacina nesa franxa de idade e o mantemento das medidas de prevención, como o uso da máscara en lugares pechados, axudarán a reducir a incidencia e gozar dunhas festas máis seguras”, asegura José Mª  Lagarón.

O investigador ademais destaca que para aumentar a súa eficacia é importante elixir unha máscara que se axuste ben á fisonomía infantil e permita unha alta respirabilidade, para evitar que a crianza non sinta a necesidade de colocala ou retirala. José Mª  Lagarón recomenda utilizar máscaras FFP2 en interiores para evitar o paso de aerosois finos e, sempre que sexa posible, con filtro viricida que inactive o virus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta