O BNG esixe aclarar a autoría da carta na que a Xunta aposta polo modelo Sogama

Na misiva, o Goberno autonómico sinala a un informe do Ministerio. Néstor Rego pide ao Goberno máis "implicación" para adaptar a planta de reciclaxe de Lousame á directiva europea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu ao Goberno "implicación" para adaptar a planta de reciclaxe de Lousame á directiva europea e que "se comprometa" cun modelo de reciclaxe que sexa "exemplo da vangarda en Europa".

O deputado demandou ademais "aclaracións" tras a nota recibida nos concellos que conforman a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza co carimbo da Subdirección Xeral de Economía Circular do Miteco, enviada pola Xunta de Galicia, "na que o Ministerio parece apostar pola incineración".

Segundo explicou, a mancomunidade, creada en 1997, inaugurou en 2003 en Servia, no municipio de Lousame, as instalacións para a recollida e tratamento de residuos que presta servizo a nove concellos da Coruña: Lousame, Brión, Ames, Noia, Porto do Son, Muros, Carnota, Rois e Ponche Cesures.

"Un modelo de compostaxe de proximidade pioneiro no Estado español que supón un motivo engadido para o seu mantemento", defendeu o deputado, que recolleu as demandas das localidades afectadas e trasladou ao Ministerio a necesidade de que as administracións leven a cabo o investimento preciso para a "modernización dunha planta que cumpre co modelo establecido nas normas europeas e supón un exemplo de vangarda no ámbito da reciclaxe".

"En contraposición ao sistema de tratamento que promove o Goberno galego, executado por Sogama, a planta de Lousame recupera 51,1 quilogramos por habitante cada ano. Fronte a isto, o modelo de incineración da Xunta só recupera 13,1", explicou Rego.

En canto á carta recibida que parece apostar pola incineración, a formación nacionalista reclama que se aclare a autoría dunha "nota interpretativa sobre se o modelo de recollida húmido-seco cumpre coas novas obrigacións de recollida separada a efectos da normativa comunitaria e estatal sobre residuos".

Na nota, "sen firma nin data", a Xunta utiliza, sinalan, un informe do Ministerio para dar a entender que o Estado "non considera que a planta de Servia cumpra co Directiva Marco no que respecta á recollida separada de plásticos e metais e tampouco coa obrigación de recoller de forma separada os residuos".

Con todo, remarcan que na propia Directiva se establece a posibilidade de autorizar excepcións cando a recollida conxunta de certos tipos de residuos non afecte á súa aptitude de reutilización, reciclaxe e valorización, "como é o caso demostrado de Lousame e dando validez ao sistema húmido-seco que empregan".

O deputado do BNG Néstor Rego. BNG
O deputado do BNG Néstor Rego. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta