Galicia inicia unha semana de festivos ás portas dos mil casos diarios de Covid

Os pacientes ingresados por este coronavirus aumentan a 197, deles 36 en UCI, e a taxa de positividade mantense nun 8%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Galicia afronta o inicio da ponte da Constitución cunha nova subida da incidencia e supera os 7.000 casos activos de Covid-19 ao situarse en 7.036 --que supoñen 541 máis que o día anterior-- tras repuntar os novos contaxios a 819 --implican 39 máis que a xornada pasada-- e coa posibilidade de que superen o milleiro nos vindeiros días. Pola súa banda os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 197 --dez máis-- e a taxa de positividade mantense nun oito por cento.

Segundo os datos publicados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, increméntanse a 36 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --catro máis-- e soben a 161 as hospitalizadas noutras unidades --seis máis--, mentres que 6.839 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro: Vigo, Lugo, Ferrol, e Santiago-Barbanza; mantense nas da Coruña-Cee e Ourense e alíviase lixeiramente na de Pontevedra-O Salnés. Deste xeito, na área de Vigo increméntanse a 15 os pacientes Covid en UCI --tres máis-- e a 40 os ingresados noutras unidades --dous máis--, mentres que na de Ferrol segue un en críticos e aumentan a 20 os hospitalizados en planta.

As áreas de Santiago-Barbanza e Lugo seguen sen cambios en UCI, con catro e tres ingresados, respectivamente, e aumentan a seis e sete os hospitalizados en planta pola Covid-19, que implican un máis en cada caso.

No caso da área de Ourense aínda que aumentan a seis os pacientes Covid en UCI --dous máis--, descenden a 49 os ingresados noutras unidades --dous menos--; e na da Coruña-Cee baixan a catro o críticos --un menos-- e soben a 19 os hospitalizados en planta --un máis--.

E na única área sanitaria na que se alivia lixeiramente a presión hospitalaria é a de Pontevedra e O Salnés, na que se manteñen tres pacientes Covid en UCI e descenden a 20 os ingresados noutras unidades --un menos--.

MÁIS DE 7.000 CASOS

Galicia mantén a tendencia ascendente de casos activos de Covid-19, que se sitúan en 7.036, que implican 541 máis que o día anterior, ao haber máis contaxios (819) que altas (276), aos que se suman varios falecementos. O venres anterior --26 de novembro-- había 3.970 infeccións activas no conxunto de Galicia.

As infeccións activas aumentan de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+192), seguida da de Pontevedra e O Salnés (+126); Ourense (+104); A Coruña e Cee (+56); Santiago e Barbanza (+37); Lugo (+14) e Ferrol (+12). Así, con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 2.033; seguida da de Ourense, con 1.813; A Coruña e Cee, con 967; Pontevedra e O Salnés, con 793; Lugo, con 587; Santiago e Barbanza, con 525; e á cola segue a de Ferrol, con 318.

MÁIS DE 800 CONTAXIOS

Os novos contaxios de Covid-19 superan os 800 no conxunto de Galicia ao ascender a 819, que supoñen 39 máis que os 780 da xornada anterior, tras os 704 do mércores, os 494 do martes e comezar esta semana con 415. O venres da semana pasada rexistráronse 500 novos contaxios --uns 300 menos--.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test--, sitúase nun 8,48 por cento, tras ascender ao 8,54% este xoves; situarse no 7,7% o mércores; no 6,53% o martes e arrincar esta semana cun 6,33%. Deste xeito, mantéñense por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Transeúntes en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Transeúntes en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta