Goberno e Xunta apelan á "prudencia" e "sentidiño" esta ponte ante a situación sanitaria

Piden protexerse con "medidas tan sinxelas" como o uso da máscara.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/12/2021 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apelaron este venres, ante o inicio da Ponte da Constitución e a Inmaculada á "prudencia" e o "sentidiño" no contexto actual de incremento da incidencia pola Covid-19 na Comunidade galega, que supera as 7.000 infeccións activas e os 240 casos por 100.000 habitantes.

O delegado do Goberno en Galicia e a directora xeral de Saúde Pública participan nunha xornada en Santiago.
O delegado do Goberno en Galicia e a directora xeral de Saúde Pública participan nunha xornada en Santiago. | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios tras participar nunha xornada sobre adiccións na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela, Miñones lanzou unha "mensaxe de prudencia" ante a alza da incidencia da Covid-19. Así, o delegado do Goberno pediu aos cidadáns que continúen empregando medidas como "o uso da máscara" en espazos pechados e en abertos cando non haxa unha distancia mínima.

Así mesmo, Miñones apelou ao "sentido común" debido a que as cifras de contaxios "están a aumentar". "Aínda que non exista a presión hospitalaria doutras ocasións, estamos ante un risco e, ademais, cunha variante --a ómicron-- que non sabemos aínda que resultado pode dar", explicou.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública da Xunta, Carmen Durán, pronunciouse sobre a crise sanitaria durante a súa intervención na inauguración da xornada sobre adiccións. Así, pediu aos presentes que teñan "sentidiño" ante as circunstancias actuais.

MEDIDAS SINXELAS

"Está na nosa man que volvamos a unha incidencia acumulada máis ou menos normal ou sigamos crecendo", advertiu Durán, quen insistiu en pedir aos cidadáns que empreguen "medidas tan sinxelas" como a máscara.

"Con esta cousa máis sinxela (a máscara), non nos teñen que preocupar tanto as variantes que temos. Simplemente con isto (a máscara), protexémonos", sentenciou a directora xeral.

NON DESCOIDARSE

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, apelouneste mesmo sentido a "gozar desta ponte", pero sen descoidar que o virus segue aí.

Rueda lembrou que os índices de vacinación de Galicia son "os máis altos de toda España", pero "non se pode baixar a garda" e "pensar que é todo como antes da pandemia".

O vicepresidente primeiro lembrou a "preocupación" que trasladou o propio titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se referiu a que estes días festivos son claves para os escenarios que se poden dar na pandemia. "Temos días por diante para gozar, pero tamén para non esquecernos de que o virus segue aí", salientou, para lembrar, tamén, que o que ocorra en próximos días condicionará, tamén o Nadal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta