Pódese perder o gusto e o olfacto estando vacinado contra a covid-19?

Datos dun estudo europeo con participación galega indican que as disfuncións quimiosensoriais poden seguir aparecendo en persoas coa pauta de vacinación completa contaxiadas co SARS-CoV-2.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 07/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“A perda repentina do olfacto e do gusto podería seguir representando un marcador diagnóstico útil e específico para levantar a sospeita de covid-19 mesmo en suxeitos vacinados”. Así o advirte un equipo internacional de investigadores nun estudo no que participaron expertos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e de Santiago de Compostela (CHUS) canda outros colegas de Italia, Francia, Bélxica, Reino Unido e do Hospital Universitario Donostia de San Sebastián.

Perda de olfacto pola covid-19
Perda de olfacto pola covid-19 | Fonte: ENGIN AKYURT - Europa Press - Arquivo.

O obxectivo dos investigadores foi investigar o perfil clínico de pacientes que desenvolveron a covid-19 despois da vacinación completa. Os datos demográficos, epidemiolóxicos e clínicos recompiláronse mediante rexistros médicos e cuestionarios a pacientes que desenvolveron unha infección sintomática por SARS-CoV-2 confirmada por PCR polo menos dúas semanas despois da finalización da vacinación.

O 62,3% e o 53,6% dos pacientes vacinados informaron no estudo de disfunción olfactiva e gustativa, respectivamente, pero a gravidade dos síntomas foi leve ou moderada 

O estudo realizouse enntre agosto e setembro deste ano mediante un cuestionario en liña en toda Europa. A enquisa dirixiuse exclusivamente a suxeitos que tiñan covid-19 sintomática confirmada. En total, analarizaron os casos de 157 suxeitos contaxiados tras recibir a pauta completa (99 mulleres e 54 homes, cunha idade media de 41,3 anos) con Pfizer/BioNTech (106 casos), AstraZeneca (32 casos), Moderna (12 casos) e Johnson & Johnson (tres casos).

Os investigadores, atoparon que os síntomas máis frecuentes entre eses pacientes foron: astenia [fatiga] (82,4%), disfunción quimiosensorial (63,4%), dor de cabeza (59,5%), secreción nasal (58,2%), dor muscular (54,9%), perda de apetito (54,3%) e obstrución nasal. (51,6%).

En particular, o 62,3% e o 53,6% dos suxeitos informaron disfunción olfactiva e gustativa, respectivamente, pero nos que a gravidade dos síntomas foi leve ou moderada en case todos os casos. E non houbo diferenzas significativas na prevalencia da disfunción quimiosensorial entre os pacientes que recibiron a vacina de vector viral ou de ARNm.

"A eficacia das vacinas foi amplamente demostrada para previr a aparición da covid-19”, pero tamén “para reducir a duración dos síntomas e acelerar a eliminación viral"

“Observouse que as disfuncións quimiosensoriais son un síntoma frecuente mesmo nos suxeitos que contraeron a infección despois da vacinación completa. Por este motivo, a perda repentina do olfacto e do gusto podería seguir representando un marcador diagnóstico útil e específico para levantar a sospeita de covid-19 mesmo en suxeitos vacinados”, explican os autores do estudo, que apuntan que “no futuro será necesario establecer cal é a taxa de recuperación destes pacientes”.

Estes investigadores subliñan tamén que “as vacinas son a principal arma para protexer á poboación da infección por SARS-CoV-2”, pois “a seguridade das vacinas foi amplamente demostrada, así como a súa eficacia para previr a aparición da covid-19”, pero tamén “para reducir a duración dos síntomas e acelerar a eliminación viral”.

NOVO ESCENARIO PANDÉMICO

A importancia desta investigación radica en que, “segundo o que sabemos, non hai estudos que informen do patrón clínico de covid-19 despois de que se complete a vacinación”, segundo estes expertos, que consideran que “o coñecemento destes cadros clínicos é importante para plantexar a sospeita diagnóstica de infección e porque, probablemente (e con sorte), estas formas de covid-19 mitigada pola vacina serán as que se manterán despois da inmunización da poboación”, apuntan.

“É probable que as formas de covid-19 mitigadas polas vacinas sexan cada vez máis frecuentes ou mesmo endémicas”

Os autores do traballo advirten de que “a medida que se relaxan as medidas de distanciamento social, é probable que as formas de covid-19 mitigadas polas vacinas sexan cada vez máis frecuentes ou mesmo endémicas”, polo que “é importante coñecer os seus cadros clínicos para predicir o seu impacto social e sanitario”.

Por exemplo, na mostra de pacientes analizados neste estudo, a prevalencia de síntomas respiratorios graves como a dispnea (dificultade para respirar) foi “moi baixa” (13,8%) e “leve” (11,8%) ou “moderada” (2%), como sinalan os autores.

En canto ás disfuncións quimiosensoriais, observaron que a perda de gusto e olfacto era un “síntoma frecuente” nos pacientes con covid-19 deste estudo despois da vacinación completa, “cunha prevalencia similar á reportada no pasado en pacientes non vacinados”.

Os expertos lembran que as alteracións deses sentidos é “un dos síntomas máis frecuentes” da covid-19 persistente ou prolongada, “con taxas de anosmia persistente máis aló dos seis meses que oscilan entre o 1% e o 11%”.

Neste sentido, un grupo de científicos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) con pacientes da área sanitaria de Vigo infectados co coronavirus SARS-CoV-2 xa advertiron noutro estudo previo, publicado tamén este ano, que “os síntomas persistentes son comúns despois da covid-19, especialmente en pacientes hospitalizados en comparación con pacientes ambulatorios (52,3% fronte a 38,2%)”. Neste traballo, detectouse que, en xeral, os trastornos do olfacto foron máis frecuentes que os do gusto (6,9% fronte ao 4%, respectivamente).

“Poderiamos ter un elevado número de suxeitos que requirirán asistencia para tales trastornos incapacitantes”

Volvendo a estudo agora presentado polo equipo internacional no que participan expertos do CHUAC e do CHUS, estes expertos consideran que os seus resultados en pacientes vacinados indican que “poderiamos ter un elevado número de suxeitos que requirirán asistencia para tales trastornos incapacitantes” como son a perda do gusto e do olfacto.

Con todo, recoñecen que o seu estudo ten varias limitacións. En primeiro lugar, apuntan, “baséase na perda olfativa e gustativa autoinformada, que pode subestimar a verdadeira prevalencia” destas disfuncións.

En segundo lugar, a enquisa estaba dirixida só a suxeitos sintomáticos, polo que habería que dar un paso máis nas investigación, cunha “comparación cos asintomáticos” contaxiados con covid-19.

Por outro lado, “aínda que a inmunización tamén pode producir perda do olfacto, non se puido realizar unha análise das diferenzas entre os suxeitos non inmunizados e os inmunizados que se infectan”, clarifican os investigadores, que piden que se investigue o papel da inmunización.

As diferentes variantes do coronavirus, incluída a nova cepa ómicron, poden causar sintomatoloxías distintas

Por último, apuntan que a que no momento de facerse o estudo, a variante delta do SARS-CoV-2 era a predominante, pero na investigación non recibiron información sobre que variante do coronavirus infectara aos pacientes e consideran que “é posible que este factor influíse nos resultados”, xa que as distintas cepas poden causar diferentes sintomatoloxías, á vez que agora que se publican estes resultados o mundo coñeceu unha nova variante, a ómicron, da cal non había rexistros en agosto e setembro pasados, cando se realizou este estudo.

Sobre esas alteracións autoinformadas, outro estudo previo, asinado por investigadores adscritos a institucións científicas e médicas de Bélxica, Francia, Canadá e España, incluído o Departamento de Otorrinolaringoloxía do CHUS, advertiu de que non todos os pacientes con covid-19 que din sufrir estes trastornos perden estes sentidos.

Os síntomas máis comúns que atoparon os investigadores nestes enfermos foron fatiga (72,9%), dor de cabeza (60,0%), obstrución nasal (58,6%) e goteo posnasal (48,6%). A perda total do olfacto foi autoinformada polo 61,4% dos pacientes.

Porén, as probas olfactivas obxectivas identificaron un 47,7% de pacientes anósmicos, é dicir, enfermos que perderon totalmente este sentido e un 14%, con perda parcial, mentres que un 38,3% mantiña unha función olfactiva normal. En definitiva, “só o 62% dos pacientes con covid-19 con disfunción olfactiva autoinformada tiñan anosmia ou hiposmia na avaliación olfactiva psicofísica obxectiva”, concretaron os investigadores.

AFECTA MÁIS A PACIENTES NOVOS E MULLERES

A disfunción olfactiva e gustativa foi descrita pola comunidade científica como un dos síntomas máis comúns en infectados con covid-19. E parece que pode afectar máis a pacientes novos e a mulleres, como se expuxo en 2020, nun estudo realizado en cinco centros hospitalarios en España, con participación do Departamento de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).

As mulleres mostrabaron en varios estudos unha perda do gusto máis frecuente e severa que os homes, e maior frecuencia de perda simultánea de ambos os dous sentidos

O que atoparon os investigadores foi que as frecuencias de perda de olfacto e gusto foron significativamente máis altas entre os suxeitos con covid-19 (70,1 % e 65 %, respectivamente) que no grupo de control (20,6 % e 19,6 %). Tamén observaron que a perda simultánea de ambos os dous sentidos foi máis frecuente no grupo con covid-19 (61,9 %), en comparación cos controis (10,3 %).

Pero talvez o máis interesante sexa a observación dunha maior incidencia nos pacientes máis novos e en mulleres.

Dos positivos en covid-19 analizados, o 70 % informou disfunción olfactiva: o 5,8% tiña perda do olfacto leve, o 23,2% moderada e o 71 % grave.

O perfil dos suxeitos con perda severa do olfacto foi máis novo e recuperáronse máis tarde que aqueles con perda leve. Con todo, non se atoparon diferenzas por gravidade na perda do olfacto manifestada como primeiro síntoma, taxa de recuperación e sexo.

Por outro lado, o 65% informou de disfunción do gusto: o 6,3% tiña perda leve, o 28,1% moderada e o 65,6% severa.

Neste caso non se atoparon diferenzas significativas por idade ou sexo na gravidade da perda do gusto manifestada como primeiro síntoma da covid-19 e na taxa de recuperación, aínda que os pacientes con perda severa do gusto recuperáronse máis tarde, en comparación con aqueles con perda leve.

A maior incidencia nas mulleres "estaría relacionada coas diferenzas de xénero no proceso de reacción inflamatoria"

Os autores do estudo atoparon que as frecuencias da perda simultánea de olfacto e gusto foron significativamente máis altas entre mulleres (68 %) que en homes (51,4 %). Tamén acharon que a perda só do gusto era superior nelas (71,2 % vs 54,2 %). Con todo, non atoparon diferenzas tan amplas na perda só do olfacto (72% vs 66,7 %).

En canto á severidade da alteración quimiosensorial, as mulleres puntuaron máis alto en perda do gusto que os homes, pero non se atoparon diferenzas significativas na perda do olfacto.

En definitiva, as mulleres mostraban unha perda do gusto máis frecuente e severa que os homes, e maior frecuencia de perda simultánea de ambos os dous sentidos.

Previamente, o primeiro estudo en Europa en identificar disfuncións olfactivas e gustativas como síntomas significativos da enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2 –publicado en abril de 2020 e participado tamén polo CHUS– xa adiantara que as mulleres estaban significativamente máis afectadas por estes trastornos que os homes.

Esta maior incidencia nas mulleres "estaría relacionada coas diferenzas de xénero no proceso de reacción inflamatoria", segundo os científicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta