BNG acusa á Xunta de querer "reprogramar" 115 millóns "sen executar" para o saneamento de augas

A formación frontista avanza unha "ofensiva" institucional para "evitar" que a Xunta "reprograme" o destino destes fondos europeos e advirte da "ameaza firme" de "multas graves" por problemas no saneamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O BNG acusou á Xunta de pretender "reprogramar" os 115 millóns que, segundo a formación frenstista, a Administración autonómica ten sen executar do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2014-20 en materia de actuacións para o saneamento e depuración de augas.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres no Parlamento galego, os deputados Noa Presas e Luís Bará, acompañados pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, advertiron do "risco" que leva a "baixa execución" dos fondos europeos da Xunta, especialmente en materia de saneamento de augas, xa que este ámbito "deixará de ser prioritario" para a Unión Europea na configuración do Feder para o próximo período.

Neste sentido, o Bloque asegura que o Goberno galego ten sen executar 115 dos 175 millóns de euros consignados para a construción de depuradoras ou para levar a cabo actuacións de seneamento en ríos e rías. Uns millóns que, para a formación nacionalista, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo podería reorientar a outro tipo de actuacións.

Por tanto, a viceportavoz parlamentaria Noa Presas avanzou que levarán a cabo unha "forte ofensiva institucional" en Galicia, Estado e Europa "para que o Goberno galego deixe de ser un obstáculo para a xestión de fondos europeos e a modernización do país".

"Queremos unha explicación clara", incidiu a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, quen asegurou que o presidente autonómico viaxou a Bruxelas no mes de novembro para solicitar "unha prórroga" no período de execución dos fondos europeos.

Ademais da presentación de preguntas tanto ante a Comisión Europea como na propia Cámara autonómica, o Bloque tamén demanda a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para que ofrezan explicacións respecto diso.

"AMEAZA DE MULTAS GRAVES"

Pola súa banda, o deputado Luís Bará, portavoz de Medio Ambiente na Cámara, asegurou que existe a "ameaza firme" da imposición de "multas graves" ao Estado por problemas no saneamento de augas en Galicia, o que revela a importancia de aproveitar estes fondos para solucionar estas situacións.

Por tanto, tras pór o foco en que, ante os atrasos, dar saída a estes proxectos podería tamén carrexar un "atasco" na tramitación, Bará cre necesario que a Xunta "se poña as pilas" para "cumprir prazos, executar fondos e resolver estes graves problemas".

Os deputados do BNG Luís Bará e Noa Presas xunto á portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, nunha rolda de prensa na Cámara autonómica. BNG
Os deputados do BNG Luís Bará e Noa Presas xunto á portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, nunha rolda de prensa na Cámara autonómica. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta