Piden a Jácome que renuncie ao soldo público ou deixe a súa actividade privada

Trátase dunha moción dos non adscritos no Concello de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 03/12/2021 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

A oposición solicitou durante a última sesión plenaria do concello de Ourense que Gonzalo Pérez Jácome renuncie ao seu soldo como alcalde ou deixe a súa actividade privada. Un dos edís do grupo dos non adscritos do Concello de Ourense levou a pleno unha moción para instar o alcalde a que renuncie ao seu soldo municipal ao considerar que é incompatible" coa súa actividade profesional.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En concreto, o edil foi Manuel Álvarez Fernández, un dos concelleiros que se desvinculou de Democracia Ourensana, partido no que estaba desde a súa creación. Fíxoo saber durante un debate entre o concelleiro e o rexedor municipal no que Jácome asegurou que o levou na lista "aínda que non se fiaba" porque llo pediu "case de xeonllos".

Álvarez trasladou que pediu as contas do partido e que a resposta que recibiu por parte de Pérez Jácome foi botalo. "Non podes quedar con diñeiro para a túa tele nin do partido nin da alcaldía, por que non pediches a compatibilidade?", cuestionou.

Para o rexedor a resposta foi clara: "Consultado con xurídicos do Concello" a compatibilidade é "un tema interpretable".

"Permítense dúas funcións aínda que teñas dedicación exclusiva, administración e producións creativas e iso é o que eu fago", explicou Jácome.

Así sostivo que administra o seu patrimonio persoal e ademais fai actividades creativas. "Son dúas cousas que permiten a lei, é totalmente compatible, o que non sería compatible sería que estas cousas restasen horas da actividade principal, pero como iso non sucede eu véxoo así", resolveu o alcalde instando á oposición a que se considera que está a facer algo ilegal "para iso está a xustiza".

A raíz da moción, Álvarez afirmou que "Gonzalo ten cartón amarelo sobre o tema e sacáronlla os homes de negro para o día 28 de decembro". Unha alusión á citación do rexedor municipal que terá que pasar polo xulgado de instrución número 2 de Ourense antes de que acabe o ano, pola querela que presentou fiscalía por suposta malversación de caudais públicos.

"Democracia Ourensana ten un diñeiro e gástao como lle dá a gana dentro das marxes da lei, é un diñeiro público, pero non diñeiro do Concello", insistiu Pérez Jácome, explicando que o diñeiro que a súa formación inviste en Auria TV, a televisión da que é propietario, "é o mesmo que fan outros grupos con outros medios". "Nós cremos que o noso é o mellor pola audiencia que ten", engadiu.

Así as cousas, PSOE, BNG, CS e os díscolos de Democracia Ourensana votaron a prol da moción mentres que DO votou en contra e o Partido Popular, socio do grupo de goberno, abstívose, non sen antes solicitar a retirada da moción da orde do día sen éxito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En Vigo levamos 14 aturando un programa exclusivo para o alcalde Abel Caballero na televisión local TeleVigo (que para máis inri é retransmitido en diferido 3 veces á semana) en total 4 horas semanais e ata hoxe ninguén sabe cómo se financia este programa nunha televisión PRIVADA ! O alcalde non abre a boca, o PSOE tampouco e TeleVigo garda silencio pois retransmite as Luces do Nadal e calquera outro evento que teña que ver co Concello de Vigo ! Jácome debera asesorarse con Caballero a ver como fai para que ninguén aínda o levara aos Tribunais por Corrupción e Malversación de Cartos Públicos ? Por certo que xa saiu a sentenza firme condenando a 5 anos de prisión a un alto funcionario xubilado que pagou 108.000 € á cuñada de Carmela Silva ! Curioso que a sentenza non inclúa nin a Carmela nin a Abel nin a ningún outro Concelleiro da Maioría Absolutísima de Vigo ! O de Ourense parace unha broma en comparación con Vigo !