David Losada, Federación Galega de Halterofilia: "Que os menores deixan de crecer se practican halterofilia é un mito"

David Losada preside a Federación Galega de Halterofilia. Este é un deporte que, coma outros, ten varios mitos arredor e que aos practicantes do mesmo lles gustaría desterrar. Os nenos e nenas non deixan de medrar se practican este deporte, os atletas desta disciplina son xente moi rápida en movementos e a súa saúde cardiovascular non se resente por aumento de peso muscular.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/12/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Cal é a maior parvada que tes oído sobre a halterofilia?
A maior parvada ou o maior mito é que os nenos deixan de crecer se practican halterofilia. A día de hoxe existen estudos indicando que o traballo da forza a idades temperás favorece o desenvolvemento do corpo. Ademais, a min tenme graza porque mido un metro noventa e dous e levo toda a vida practicando halterofilia.

David Losada en competición
David Losada en competición | Fonte: David Losada

-Que obxectivos busca unha persoa dentro desta disciplina?
A halterofilia pódese practicar a un alto rendemento, a isto referímonos cando falamos de erguer peso sobre a cabeza. O obxectivo é ser campión olímpico, campión do mundo coas mellores marcas. Logo está a halterofilia afeccionada, a que non é de competición, onde mellorarás a túa forma física, a elasticidade e a forza.

-En canto a afección en Galicia. Cantos clubes están rexistrados na nosa comunidade?
Actualmente hai vinte clubes rexistrados na Federación.

-Hai unha idade idónea para comezar en halterofilia?
Esta disciplina pode comezar a practicarse a idades temperás, cinco, seis ou sete anos, non hai problema. Outra cousa é que queiras enfocarte no rendemento. As captacións para este aspecto comezan a facerse a partir dos doce ou trece anos. Hai unhas semanas foi o campionato de técnica para nenos e a máis pequena tiña sete anos. Podes practicar a esas idades, mais non pensando en halterofilia de alto rendemento senón en halterofilia de formación.

-Cales son os beneficios que sente o corpo dunha persoa halterofílica?
Fisicamente o fortalecemento de articulacións e extremidades de todo o teu corpo. Este é un deporte onde se implica todo o corpo.  Mentalmente dáche moita autoestima, non só dentro da competición senón tamén dentro da vida diaria. Apréndeche a enfrontar retos que antes vías como moi difíciles e agora podes enfocalos doutra maneira. A halterofilia é un deporte individual, isto implica que te esteas superanto a ti mesmo e logo sexas capaz de levar esta mentalidade fóra do deporte.

Esta disciplina pode comezar a practicarse a idades temperás, cinco, seis ou sete anos, non hai problema. Outra cousa é que queiras enfocarte no rendemento

-Como é o sitema de adestramento? Vai formando parte por parte ou é un adestramento total para o corpo?
Divides os movementos en partes. Logo traballas cada unha desas partes a nivel técnico para melloralas a nivel técnico. Despois temos o adestramento do que é a forza. Aí temos unha serie de técnicas específicas para aumentar a capacidade ou fortaleza do ou da atleta para transferir á barra.

-Cales son as diferentes categorías en que se divide a halterofilia?
Temos categorías masculinas e femininas e logo por idade, sub 15, sub 17, junio e absoluto. Cada un compite na súa categoría de peso corporal.

Mentalmente dáche moita autoestima, non só dentro da competición senón tamén dentro da vida diaria.

-Que parámetros debe cumprir unha persoa que queira chegar a campión por exemplo, olímpico?
Primeiro, constancia; segunda, sorte coas lesións, que te respecten; e logo ter unha sorte de cualidades físicas que dentro da túa categoría sexan óptimas. É dicir, dependendo da categoría encontrarás un tipo de persoa. Non é cuestión de altura e complexión, é cuestión do teu peso e aí entras nunha categoría de peso onde hai xente pequena ou alta. Hai outros condicionantes que nós adestramos moito, un deles é a velocidade porque os levantadores son xente moi rápida, algo que a moitos non llelo parece.

-Alén diso, un grupo de xuíces en halterofilia que valora dentro dunha competición?
Diante de ti hai tres xuíces que observan cando levantas o peso sobre a cabeza e, resumindo moito, tes que ter os brazos bloqueados. Polo medio hai uns condicionantes como que cando caia a barra debe facelo dentro do espazo marcado de 4x4 e tes un tempo determinado para o exercicio. Con todo, o regulamento é moito máis extenso.

-A maior idade menor rendemento?
Como en todas as disciplinas, a maior idade a recuperación é máis lenta. A intensidade e a preparación é diferente entre deportistas de 20 anos, 30 anos ou máster.

Os levantadores son xente moi rápida, algo que a moitos non llelo parece

-Gañar peso muscular pode ser un problema para o atleta?
Non, porque cando gañamos peso muscular, forza, temos que controlar o peso por iso estamos dentro duns parámetros saúdables. A dieta mediterránea é moi boa, aínda que nós consumimos carbohidratos e proteína debido aos adestramentos, depende tamén do ciclo de adestramento, se están en carga ou non, mais un nutricionista pode explicar mellor este tema.

-Realízanse controis contra esteroides, anabolizantes e outras substancias?
Desde a nosa federación estamos en contra do uso deste tipo de produtos. Levamos controis rigorosos entre o persoal da federación e podo dicir que todas as persoas implicadas nesta federación están fóra dese círculo.

-Que consello lle darías a alguén con interese por entrar na halterofilia?
Paciencia, porque seguro vai mellorar e adestrar moitas horas porque creo que tamén o pasará moi ben.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta