O PP pide a dimisión de Carmela Silva de todos os seus cargos "por ética e por dignidade"

O Partido Popular baséase na sentenza do Tribunal Supremo "pola trama para contratar de maneira irregular, e con fondos municipais, á súa cuñada".

Por E.P. | Pontevedra | 07/12/2021 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Pontevedra pediu este martes a dimisión da dirixente socialista Carmela Silva de todos os seus cargos "por responsabilidade política, por ética e por dignidade" e instouna a renunciar á súa acta como concelleira no Concello de Vigo e á presidencia da Deputación de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

O PP dá este paso despois de coñecerse a sentenza da Sala do Penal do Tribunal Supremo "pola trama para contratar de maneira irregular, e con fondos municipais, á súa cuñada".

O portavoz do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, subliñou que "son delitos moi graves polos que se condena a un funcionario". "Prevaricación, malversación e falsidade documental por dar traballo á irmá do marido de Carmela Silva, que recibiu 108.000 euros por uns traballos que, ademais, non fixo", afeou.

Os deputados provinciais Jorge Cubela, Pepa Pardo e Alfonso Marnotes afirmaron que "non se entende que outros estean a cargar sós co enchufe" e sinalaron que, detrás do funcionario, "xefe de servizo e afín ao Goberno socialista", condenado por esta sentenza, "hai unha decisión política, interesada, en que se contrate de maneira irregular á cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra".

Cubela tamén criticou a "falta de resposta" por parte de Carmela Silva e apuntou que "o único que está a facer con respecto a esta situación é agocharse e dar a calada por resposta". Ademais de Silva, criticou que tamén "se agocha o alcalde de Vigo, o PSOE, e mira cara outro lado o BNG provincial, socio de goberno na Deputación de Pontevedra".

Os populares entenden que "estes feitos tan graves" poñen en cuestión a xestión de Carmela Silva tamén á fronte da Deputación de Pontevedra.

"De que estariamos a falar se fose ao revés, se detrás de toda esta trama houbese políticos do PP? Levamos anos escoitando falar nesta casa de prácticas caciquís e resulta que unha das maiores condenas por corrupción da historia recente de Galicia é pola trama da contratación da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra. E ante todo isto, ela cala e agóchase", agregou.

Por último, Cubela reiterou que desde que se coñeceu a sentenza da Sala do Penal do Tribunal Supremo, "Carmela Silva só rompeu o seu silencio estes días para burlarse da estatura do alcalde de Madrid".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non hai que ser do PP para estar fartos do nepotismo que reina en Vigo. O peor do caso é que a Fiscalía de Vigo negouse taxativamente a seguir investigando a trama de corrupción nos cargos políticos do Concello ! Así o alto funcionario Orúe (posto a dedo por Abel Caballero sen oposición algunha) foi o condeado a 5 anos, pero como está xubilado en breve veremos que non cumprirá máis dun mes de condea na Lama e ao día seguinte a servir almorzos na Asociación Érguete (onde tamén cumprira condea Gayoso o da Caixa de Aforros de Vigo) ~ O de Carmela Silva é un lodazal que apesta... A Marquesa de Toralla así vive nun chalet de 1,8 M€ e embolsa ao mes 5.500 € como Presidenta Deputación ! Cantas outras empresas concesionarias estarán a render pleitesía a esta tropa?