O pleno acorda pedir ao Estado ferramentas que fixen custos de produción de referencia do leite

O acordo partiu dunha iniciativa defendida polo deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2021 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

Os grupos con representación na Cámara galega alcanzaron este xoves un acordo para demandar ao Goberno do Estado que, no desenvolvemento da Lei de cadea alimentaria, dote aos sectores produtivos dunha ferramenta pública e obxectiva que fixe uns custos de produción de referencia vinculantes e obrigatorios.

"Ou que, no seu caso, se permita utilizar para a súa determinación fontes do Ministerio de Agricultura (o Estudo de Custos e Rendas das Explotacións ou a Rede Nacional de Granxas Típicas, a chamada conta láctea), os estudos publicados polos diferentes observatorios da Comunidade autónoma ou os realizados pola universidade ou organismos públios", sinala a moción aprobada.

O acordo partiu dunha iniciativa defendida polo deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini', quen aceptou acordar co Grupo Popular este punto, que tamén recibiu o apoio do PSdeG. Tanto os populares como os socialistas apoiaron outro dos apartados da moción do nacionalistas. En concreto, insta á Xunta a velar porque, nos novos contratos a asinar entre produtores e industria transformadora, os prezos acordados incorporen as subidas con referencia ao IPC galego dos alimentos para o gando, combustible, electricidade, abonos e demais factores que inciden nos custos de produción.

Con todo, o grupo maioritario, que pediu a votación por puntos, rexeitou promover un foro de debate arbitrado pola Consellería do Medio Rural no que estean representados todos os actores da cadea de produción e obtención do leite e derivados.

Na defensa da iniciativa, o deputado nacionalista denunciou que os agricultores e gandeiros están na "máis absoluta indefensión" e sinalou que o principal problema do rural "está no cálculo e uso dos custos de produción de referencia e a súa aplicación desde os mercados".

No debate, o socialista Martín Seco atribuíu esta situación aos problemas estruturais dos "33 anos" de goberno do PP en Galicia, "unha dereita que unha vez máis trata de trasladar as súas responsabilidades a Madrid".

Pola súa banda, a deputada popular Elena Candia, que avanzou o apoio do seu grupo aos puntos que saíron adiante, reiterou a demanda ao Goberno central para que habilite os mecanismos necesarios que garantan o cumprimento da lei de cadea alimentaria.

INICIATIVA SOBRE O SECTOR DA CARNE

Na sesión plenaria, o deputado do PSdeG, Martín Seco, defendeu outra moción a través da que instou á Xunta a garantir que os prezos de venda do sector da carne sexan superiores aos custos de produción.

O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista alertou de que a "pasividade" do Goberno galego "pode acabar co peche" de 11.000 gandarías tradicionais en toda Galicia, "afogadas polo aumento dos custos e a caída de vendas tras a pandemia".

A medida, que contou co apoio do BNG, non saíu adiante ao ser rexeitada polo PPdeG, cuxo deputado Daniel Veiga destacou que a estratexia de dinamización do sector da carne da Xunta permitirá "consolidar este sector e garantir o recambio xeracional", que as explotacións "sexan rendibles" e mellorar o nivel de transformación da industria cárnica e a xeración de valor engadido, así como seguir avanzado na profesionalización con máis formación.

Celebración do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Celebración do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta