14 millóns de euros para dez rastrexadores: as contas da privatización sanitaria da Xunta

A Consellería de Sanidade externalizou o servizo de rastrexadores nunha empresa privada que agora queda baixo a lupa polo incremento de casos activos e as denuncias contra un servizo deficiente. Namentres, a Xunta limita a información dispoñible sobre os casos en escolas, en plena alza de contaxios.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A privatización sanitaria da Xunta continúa adiante e vai máis alá da concesión do Álvaro Cunqueiro de Vigo ou a desviación sistemática de pacientes ao Povisa da mesma cidade. A diferenza de outras comunidades autónomas, a Xunta optou por deixar o rastrexo de casos nas mans dunha empresa privada. Unha externalización que puxo contra as cordas ao goberno de Núñez Feijóo polas informacións contraditorias sobre o número de rastrexadores e que agora podería estar a causar problemas na enésima vaga de Covid.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras o comité clínico. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI

 

A Xunta comezou a batalla contra o virus con contratos de urxencia, ata que, no pasado mes de marzo, convocou un concurso para a primeira adxudicación estable do servizo de rastrexo: 13’8 millóns de euros por un ano e medio. O proceso pechouse no verán coa empresa Abai como gañadora, unha decisión que motivou queixas porque, como recolleu El Diario.es, a proposta era tecnicamente peor que a competencia, pero máis barata.

 

Agora transcende que a compañía, que presta servizo a través da subsidiaria Excel, comezou a rastrexar os contactos positivos dunha poboación de 2’7 millóns de persoas con só dez traballadores. As autoridades sanitarias recomendan unha proporción de 5.000 habitantes por operario, que en Galicia implicaría contar con 540 persoas ao mando do servizo, moi por enriba dos datos relativos a Excel, apuntados por CC.OO. a Galicia Confidencial.

 

Precisamente, dende a delegación de Comisións na empresa aseguran que esta se viu en problemas para facer fronte á entrada de casos positivos e a detección dos seus contactos estreitos. Excel tería entrado en xogo o pasado 18 de novembro, en pleno estalido da curva de contaxios, con só esa decena de persoas apuntada. Dende o sindicato deslizan que se produciron incumprimentos do convenio para dar abasto ás chamadas entrantes: “tiveron problemas en canto a xornadas e libranzas... recoñecen que lles veu moi grande”, explican.

 

TELÉFONOS QUE NINGUÉN ATENDE

 

As mesmas fontes aseguran que a empresa tería accedido a contratar un centenar de persoas a finais de novembro, ás que agora se sumarían outras 50. Con todo, as dificultades de Excel para prestar o servizo confiado pola Xunta --dificultades recoñecidas pola propia Consellería de Sanidade-- xa deixou casos de contactos estreitos que ou ben non foron contactados pola empresa ou non recibiron aínda citación para as súas PCR.

 

Así o testemuña Maika, unha muller da Costa da Morte cuxo fillo resultou contacto estreito dun profesor contaxiado por covid. Explica que, pouco despois de coñecerse o positivo, recibiu unha chamada dos rastrexadores que non puido atender por estar ao volante. Ese foi o seu último contacto co servizo: “nin me volveron chamar nin contestan ao teléfono. É un número de operadora: chamas, soa unha música e non collen”. Esta veciña da Costa dá conta doutra muller, cuxo fillo estuda no mesmo centro, cunha situación semellante: “dixéronlle que o ían chamar para unha PCR, pero pasou unha semana e aínda non o fixeron”, explica.

 

DE 20 A 7000 RASTREXADORES

 

A Xunta admite que a empresa tivo que pasar un “período de adaptación” que “puido carrexar certa ralentización no seu labor”. A CIG xa afeara, meses atrás, que a administración autonómica optara pola vía privada podendo contratar a máis de 7.000 traballadores sanitarios públicos que, segundo apuntaron, terían desempeñado o traballo sen requirir formación adicional. Pero a administración autonómica decidiu optar pola libre empresa, abrindo as portas a un contrato de 13’8 millóns que foron parar á compañía de teleoperadores.

 

Non é a primeira vez que o Goberno de Feijóo tropeza coa cuestión do rastrexo. Ao longo dos últimos anos, o executivo autonómico viuse envolto nun baile de cifras que, xunto coas mortes en residencias, ameazaron con tisnar a xestión pandémica. Primeiro apuntaron que había 20 profesionais ao cargo da tarefa, uns meses máis tarde --no verán de 2020-- o número ascendía a 6.000 ao ter en conta os sanitarios do Sergas. Ese mesmo outono, Feijóo baixou a cifra a 700. Na mesma xornada, o conselleiro de Sanidade negouse a dar un número concreto alegando que a cantidade “variaba”.

 

ESCURANTISMO NOS CASOS

 

A administración autonómica, en troques, foi máis aguda á hora de xestionar os datos públicos no tocante a casos e novos contaxios, erixíndose dende os primeiros compases da pandemia como unha das comunidades máis escurantistas na xestión do virus. A opacidade deu un salto cualitativo cando, no pasado mes de setembro, a Xunta deixou de informar dos casos en centros educativos varios días á semana e pasou a facelos públicos só os mércores. A medida coincidiu coas últimas etapas da vacinación de segundas doses, o que deixaba aos centros --e, en particular, os colexios de primaria e infantil-- como o espazo máis proclive para grandes gromos. 

 

A medida foi duramente criticada pola CIG-Ensino, que viu na fórmula unha manobra da Xunta para ocultar a mala evolución do virus nos espazo escolares. A administración autonómica non achega datos de contaxios segregados por centros: limítase a nomear os contaxios en cada área sanitaria e, como engadido, recolle aqueles casos nos que a Covid ataca con especial incidencia, unhas variables que si actualizan con maior periodicidade.

 

Aínda con todo, no último mes a comunidade galega pasou de contar 86 positivos entre alumnado e profesores aos máis de 1.800 que foron notificados o pasado 8 de decembro. Tanto a CIG-Ensino como Anpas Galegas critican esta estratexia de difusión duns casos que se multiplicaron por 6 dende a entrada da nova empresa de rastrexo. Ao final, a historia resulta dando a razón a eses que dicían que “o barato sae caro”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 A verdade

Por fin la verdad de la adjudicación a Abai Group !!!! No hay servicio de rastreadores en Galicia a día de hoy , ni lo habrá mientras no cambien el servicio a la única empresa privada con experiencia para llevarlo y que dejó a 0 los casos y contactos cuando se llevaron el servicio a Abai Group el a finales de noviembre de 2021 Felicidades a a Konecta por demostrar que supo llevar el servicio ante todas las situaciones nuevas que se daban día a día.