Galtren, o ente ferroviario galego do BNG, rexeitado no Parlamento galego

O PPdeG asegura que os galegos non deben pagar "o que corresponde ao Estado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2021 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia rexeitou este venres, cos votos do grupo popular, a Proposición Non de Lei presentada polo grupo nacionalista este xoves na que insta á Xunta a crear un servizo ferroviario de proximidade para Galicia, así como a creación dun ente ferroviario galego, o que denominaron Galtren, cuxa creación se debateu en 2010 pero que non chegou a concretarse.

O deputado Xosé Luís Bará sinalou que é "unha anomalía" a falta dun servizo de proximidade en Galicia, como si existe noutras comunidades autónomas do Estado. "Isto responde a pensar Galicia en pequeno, como unha especie de Deputación, e non en grande, despregando o potencial e exercendo todas as competencias en materia de mobilidade", asegurou.

O nacionalista defendeu un modelo de ferrocarill pensado para o S.XXI e para Galicia, baseado en tres premisas: que sexa sustentable, que sexa un medio de conectividade seguro e rápido e que funcione como un elemento de vertebración e cohesión territorial.

"Un modelo que permita superar o defendido polo PP, radial, do AVE, que a quen beneficia é a Madrid, ao centro. Un modelo madricentrista", apuntou, para agregar que a prioridade dos galegos non é ir á capital e que un servizo de proximidade si sería "a auténtica intermodalidade, non construír estacións unha á beira da outra".

Respecto da creación do ente ferroviario galego, o deputado lembrou que entre 2009 e 2010 xa se abordou esta iniciativa, e que mesmo chegou a licitarse o contrato en 2010, aínda que finalmente "quedou en nada". Os nacionalistas cren posible volver licitar este proxecto durante o primeiro semestre de 2022.

O grupo socialista, pola súa banda, mostrouse a favor da PNL do BNG, aínda que presentou unha emenda para conquerir "primeiro que nada" o traspaso dos servizos ferroviarios a Galicia co obxectivo de "reforzar o ferrocarril como medio de transporte sustentable". Ademais, afeou ao Goberno autonómico "non apostar pola proximidade e botar balóns fóra" en canto a esta problemática.

REDE FERROVIARIA "DESASTROSA"

Os populares, con todo, lamentaron na súa intervención o "desmantelamento" do transporte por tren en Galicia coa escusa da pandemia de covid-19. "No canto de pedir acabar con iso, piden que a Xunta faga o que o Goberno de España non quere facer", asegurou o popular José M. Balseiro.

E é que consideran que debe ser o Executivo central o que se faga cargo de "acometer as obras necesarias" para dotar de competitividade a rede ferroviaria galega, "asumindo os gastos o Estado" e "non só os galegos".

Estación de tren da Coruña
Estación de tren da Coruña | Fonte: Kai670 - Galipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta