Sanidade chama á "responsabilidade" de vacinar aos nenos: "Prevén a enfermidade e é segura"

Pais e nais pregúntanse se o non vacinados quedarán fóra dos comedores escolares e observan "algunhas reticencias"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2021 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" aos pais e nais dos nenos que teñen entre 5 e 11 anos, o colectivo que inicia agora o seu proceso de inmunización. A data de inicio marcada no calendario é o 15 de decembro, cando se administrarán as primeiras doses das 60.000 que recibirá, na primeira quenda, Galicia --que ten uns 150.000 galegos nesta franxa de idade--. Esta fase concluirá o sábado 18.

Nenos paseando
Nenos paseando | Fonte: ANA VARELA - Arquivo - Europa Press.

"Lanzar unha mensaxe de tranquilidade o primeiro, porque hai máis de 5 millóns de nenos no mundo que foron vacinados e demostrou que prevén a enfermidade e que ademais é segura", remarcou, nunha entrevista concedida a Europa Press, Carmen Durán, quen engadiu que "aínda que é certo que a gravidade da covid-19 é menor nos nenos, tamén é certo que houbo casos de nenos hospitalizados e en UCI nos que a enfermidade se desenvolveu de maneira máis tórpida".

Ademais, a directora xeral de Saúde Pública manifestou que vacinar os nenos tamén forma parte da "responsabilidade colectiva". "Canta máis poboación consigamos vacinar, máis inmunidade en conxunto teremos", remarcou.

Nesta liña tamén se pronunciou o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigador en vacinas, Federico Martinón. O experto apoiouse nos estudos científicos publicados e na experiencia de vacinación que xa se abordou en Estados Unidos e Israel (con 6 millóns de picadas a nenos) para afirmar que inmunizar os menores de entre 5 e 11 anos é "seguro e eficaz".

A vacinación está prevista en horario de tarde os días 15, 16 e 17, mentres que o sábado programarase durante todo o día. Polo momento, estipulouse a administración dos grandes centros de vacinación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta