Prisión provisional para o detido que apuñalou en Ourense a un compañeiro de clase

Entregouse cunha mochila con varias armas brancas.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/12/2021 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O xulgado decretou o ingreso en prisión provisional para o mozo que foi detido pola Policía Nacional, tras entregarse na comisaría, despois de apuñalar a un compañeiro de clase nun bar de Ourense.

Armas brancas entregadas por un mozo detido en Ourense tras apuñalar a un compañeiro de clase
Armas brancas entregadas por un mozo detido en Ourense tras apuñalar a un compañeiro de clase | Fonte: Policía Nacional.

Os feitos ocorreron na mañá do venres, cando un mozo agrediu cunha arma branca a outro por detrás nun establecemento hostaleiro situado nas inmediacións do IES A Carballeira. O presunto autor dos feitos deuse á fuga, o que motivou a activación dun dispositivo de procura por parte das forzas da orde.

A vítima foi atendida nun primeiro momento no establecemento para máis tarde ser evacuado a un centro hospitalario, onde ingresou en estado estable. Segundo informa a Policía Nacional, recupérase "con normalidade" e podería ser dado de alta ao longo deste domingo.

O presunto agresor foi detido ao presentarse en dependencias policiais na mañá do sábado, tras case 24 horas de procura. Entregouse cunha mochila con varias armas brancas, entre elas unha navalla de tipo bolboreta cunha folla duns 10 centímetros con posibles restos de sangue e que, previsiblemente, foi a utilizada na agresión. Tamén entregou outras dúas navallas, dous coitelos de caza e outros dous de serra.

Segundo relata a Policía Nacional, o detido "non deu explicación algunha" sobre os motivos que lle levaron a apuñalar ao seu compañeiro de clase, aínda que si detallou que pasara a noite agochado pola zona da Valenzá para non ser descuberto, ata que finalmente se entregou en comisaría.

Tras declarar tanto el como as testemuñas, o mozo foi posto a disposición da autoridade xudicial, que decretou o seu ingreso en prisión provisional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta