O PP de Ferrol denuncia que Navantia non ten previsto construír o dique no estaleiro desta cidade

O portavoz do Partido Popular no Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, sinalou que o proxecto "está paralizado e a dirección de Navantia nin o menciona".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O portavoz do Partido Popular no Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, denunciou que a dirección de Navantia non ten previsto acometer a construción do dique seco no estaleiro desta cidade. "Está paralizado e a dirección de Navantia nin o menciona", censurou o portavoz popular nunha rolda de prensa ofrecida neste luns, día 13 de decembro, no Consistorio ferrolán.

Na súa intervención, sostivo que un novo dique permitiría "cambiar os procesos construtivos" para "ser competitivos en prezo e tempos" e lembrou que esta ferramenta "xa estaba prevista no Plan de viabilidade de Navantia, que a ligaba á execución das fragatas F-110 cun 10% de redución do custo do proxecto, de 400 millóns de euros, e un 25% de redución do prazo de execución".

Rey Varela incidiu en que co dique "o estaleiro pode ser competitivo e traballar na materialización de encargos para outras armadas". "Non podemos manternos só coas contratacións da Armada Española, senón que ten que ser capaz de construír para outros estados", sostivo.

TALLER DE SUBBLOQUES

José Manuel Rey Varela tamén se referiu a outro dos proxectos recolleitos na iniciativa do Estaleiro 4.0, como é a construción dun taller de subbloques. Así, detallou que "este taller contaba en 2021 cun investimento de 35 millóns" dos que "non se executou nada". "E para o 2022 nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) están previstos outros 51 millóns, que previsiblemente volveremos perder", detallou.

Neste caso, o popular mostrou dúas respostas parlamentarias ao Grupo Popular do pasado mes de xullo nas que o Goberno do Estado di que "Navantia xa presentou ao Concello de Ferrol un estudo detalle para a construción dun taller de fabricación de subbloques no estaleiro de Ferrol (...) sen que se prevexan atrasos e poida estar operativo na primeira metade do ano 2022". Con todo, o portavoz popular asegurou que "a realidade é ben distinta ao que din os papeis, xa que non ten licenza municipal para a dita construción".

LICENZA

Sobre esta cuestión, o concelleiro do PP pediu ao goberno municipal "menos palabras e máis compromisos concretos" para realizar os trámites necesarios para conceder esta licenza "sen a que a obra do taller de subbloques non pode iniciarse".

"Esiximos certezas e prazos concretos en lugar de boas palabras, xa que Ferrol non pode permitirse a un alcalde que mire para outro lado cando todo isto sucede", sentenciou Rey Varela.

Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol
Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta