Galicia terá unha guía de integración paisaxística de parques empresariais

É un manual impulsado pola Xunta no que se recollerán unha serie de ideas e recomendacións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/12/2021 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Galicia contará en 2022 coa primeira guía de boas prácticas para a integración paisaxística de parques empresariais, un manual impulsado pola Xunta no que se recollerán unha serie de ideas e recomendacións para que o desenvolvemento destes espazos se faga de forma harmónica e integrada coa contorna.

Galicia contará en 2022 cunha guía de integración paisaxística de parques empresariais
Galicia contará en 2022 cunha guía de integración paisaxística de parques empresariais | Fonte: Xunta.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o Concello de Ordes para presentar, ante máis dunha vintena de empresarios do concello coruñés, os avances realizados na redacción desta guía.

Como punto de partida dos traballos, analízanse 26 áreas empresariais rurais e urbanas de toda Galicia --unha delas, o polígono ordense--. A información recompilada utilizarase na redacción dun manual de boas prácticas que ofreza solucións técnicas a problemas para a planificación e ampliación de polígonos.

Entre as principais casuísticas ás que se pretende responder con esta guía, aparece a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos en lugares estratéxicos, os problemas de aparcadoiro ou a necesidade de habilitar espazos para os peóns para facer dos polígonos lugares máis amables.

Tras anunciar que o documento estará listo no primeiro semestre de 2022, a conselleira lembrou que a futura guía xorde do protocolo de colaboración en materia de paisaxe asinada o pasado verán entre o seu departamento e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape).

"Deste xeito, queremos demostrar que é posible combinar a actividade económica coa integración paisaxística", subliñou a conselleira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta