Dous traballos do Servizo de Radiodiagnóstico do CHUS, premiados en Chicago

Roberto García e Sandra Baleato son os asinantes dos estudos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2021 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

Dous traballos de profesionais do Servizo de Radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foron premiados nun encontro científico celebrado recentemente en Chicago.

Asinantes dun estudo premiado do Servizo de Radiodiagnóstico do CHUS
Asinantes dun estudo premiado do Servizo de Radiodiagnóstico do CHUS | Fonte: Sergas.

Así, Roberto García e Sandra Baleato son os primeiros asinantes de cada un dos estudos recoñecidos, indica a área sanitaria compostelá, e "ambos achegan importantes melloras nos procesos diagnósticos en patoloxías oncolóxicas".

O traballo presentado pola doutora Sandra Baleato González valoraba o papel dun contraste radiolóxico para o estudo do fígado e das vías biliares dun modo non invasivo. No mesmo, móstrase como o seu uso permite aumentar a precisión diagnóstica da resonancia magnética na patoloxía hepatobiliar e como se pode facilitar dun modo "moi importante", destacan as mesmas fontes, a planificación da cirurxía de pacientes con tumores hepáticos ou transplantes.

Pola súa banda, o traballo premiado do doutor Roberto García Figueiras presentaba o uso de técnicas de imaxe avanzadas na patoloxía ósea. Estas técnicas permiten, indicaron as mesmas fontes, "comparando coas normalmente usadas, anticipar a detección da afectación tumoral no óso en paciente con patoloxías graves como as metástasis óseas ou o mieloma".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta