Pontevedra adaptará as ribeiras do Lérez ao cambio climático grazas a unha nova partida do Goberno central

A proposta da Xunta e o Concello de Pontevedra recibirá un millón de euros para a restauración ambiental do BIC que discorre pola ribeira do Lérez.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/12/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Após ser elixido polo Goberno central e a Xunta para financiar o Plan de Sostibilidade Turística con dous millóns de euros a través dos fondos europeo, o Concello de Pontevedra volve ser agora beneficiario dunha nova partida. Neste caso, dun millón de euros para acometer o proxecto de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola ribeira do Lérez, desde a zona das Xunqueiras ata As Aceñas, incluíndo a Illa das Esculturas.

Os concelleiros de Pontevedra Iván Puentes e Yoya Blanco presentan plan de restauración ambiental do BIC das ribeiras do río Lérez.
Os concelleiros de Pontevedra Iván Puentes e Yoya Blanco presentan plan de restauración ambiental do BIC das ribeiras do río Lérez. | Fonte: Concello de Pontevedra

Esta intervención para renaturalizar e adaptar a contorna das marxes fluviais ao cambio climático, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, foi incluída polo Goberno central dentro dunha das liñas aprobadas polo Consello de Ministros (a proposta da Xunta e o Concello de Pontevedra). A finalidade desta liña de axudas é a de priorizar os investimentos relacionados co Camiño de Santiago e potenciar a importancia do Xacobeo na imaxe turística de Galicia e de España.

A proposta de Pontevedra, que foi presentada polo concelleiro socialista Iván Puentes e pola concelleira de Turismo, Yoya Blanco, enmárcase no Ben de Interese Cultural que se localiza nas inmediacións do río Lérez. Dende a zona das Xunqueiras e ata a Ponte dos Tirantes, percorrendo ámbalas ribeiras do río, ata a altura da actual praia fluvial, a antiga ponte do ferrocarril e a contorna do Mosteiro de San Salvador de Lérez, tamén catalogado  BIC (a partir dese punto o río e a súa contorna fluvial están consideradas como unha Zona de Especial Conservación que forma parte da Red Natura 2000). 

“O conxunto de actuacións que se van desenvolver neste BIC" -explicou o edil do PSOE- "ten como finalidade recuperar e poñer en valor esta paisaxe cultural, incorporándoo como un reclamo turístico de primeira orde para a cidade e fortalecendo a conectividade e mobilidade" entre o casco urbano, a contorna do Mosteiro de San Salvador de Lérez e o espazo natural de As Aceñas, así como co espazo Rede Natura Río Lérez.

Así, e entre outros aspectos, os traballos que se acometerán serán os de recuperación ambiental, renaturalización e adaptación das marxes do río Lérez ao cambio climático en ámbalas marxes do río. Levarase a cabo unha "eco- rehabilitación" da marxe esquerda do río, crearase un bosque de ribeira e zonas de estancia con especies autóctonas ou tamén zonas de estancia e de acceso ao río, inexistentes ao longo do percorrido.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta