A Xunta abre a porta a máis empresas mineiras en Galicia nun estudo pagado con fondos públicos

A dirección de Planificación Enerxética e Recursos Naturais presenta un estudo no que destaca a presenza de materiais "estratéxicos" en Galicia e propón a súa explotación para "recuperar" o tecido mineiro da Comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

A directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, presentou este mércores un estudo que evidencia a posibilidade de que a Comunidade conte con 11 dos 30 minerais considerados pola Unión Europea (UE) como estratéxicos para o desenvolvemento industrial e reducir a dependencia facía os provedores.

O estudo bibliográfico realizouse no marco da 'Iniciativa das Materias Primas da UE'. Da última lista de materias primas consideradas como fundamentais pola UE, e presentada o pasado setembro, Galicia contaría, entre outros, con wolframio e litio, minerais indispensables para a fabricación de teléfonos móbiles.

O obxectivo da iniciativa é reducir a dependencia da UE fronte aos principais países provedores destas materias e garantir unha subministración estable e sustentable para o desenvolvemento industrial da comunidade, sen estar suxeitos ás fluctuacións de mercados externos. A presentación do estudo sobre a presenza destas materias en Galicia contou coa presenza de representantes da USC e o Colexio Oficial de Xeólogos.

Estas entidades subliñaron que esta acción se desenvolveu de forma bibliográfica e que, antes de pasar á minaría e industrialización dos posibles xacementos, queda verificar a súa presenza sobre o terreo e elaborar máis estudos para a súa explotación. Por agora, o que ofrece o estudo é un inventario destes materiais. Pola súa banda, a Xunta asegurou que aínda non se concretaron novas fases do proxecto, pero aseguraron manter o desenvolvemento dunha axenda para a minaría en Galicia que inclúe máis accións nesta liña.

A directora de Planificación Enerxética asegurou que o estudo supón un avance para a recuperación do tecido mineiro galego e que, de poder levar a cabo a explotación destes recursos, Galicia podería desenvolver unha industria fundamental para os intereses de Europa. Uría insistiu en que, de desenvolverse dita industria, a Xunta impulsaría unha minaría "sustentable e racional" que favorecería a creación de emprego na comunidade e o desenvolvemento do 'Pacto Verde' europeo.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, nunha reunión con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, nunha reunión con representantes do Centro Nacional de Hidróxeno | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta