Así foi primeiro día de vacinación dos nenos, que queren volver á "normalidade"

Retomar actividades, prescindir da máscara no deporte como os adultos e acabar coa pandemia, os desexos dos pequenos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A vacinación infantil arrincou este mércores en Galicia con 15.000 citas, a maioría delas nos puntos masivos. Os primeiros, iso si, foron os pequenos máis vulnerables, que foron chamados aos hospitais, como no caso da área de Santiago de Compostela, onde Tiago foi un dos que recibiu a picada durante a mañá.

Dúas nenas tras recibir a vacina en Santiago
Dúas nenas tras recibir a vacina en Santiago | Fonte: Europa Press.

A xornada de tarde na capital galega arrincou sobre as 15,30 na Cidade da Cultura cunha cola fluída e un protocolo moi similar ao dos adultos, que inclúe neste caso acudir acompañado dun maior e a firma dun consentimento informado, que os nenos levaban nas súas mans.

Ademais, tras a "rápida" picada, como así o describiron os asistentes, os menores tiveron que esperar, como é habitual, uns 15 minutos de control de posibles reaccións adversas inmediatas. Animación coa mascota dun centro comercial, que regalou a algúns dos presentes contos, así como adhesivos e persoal de enfermaría "moi implicado" formaron parte dun proceso con "nervios" e "emoción" e o desexo común de "volver á normalidade".

Algúns dos protagonistas da xornada --Pablo, María, Veiga, Cecilia e Paloma-- coincidiron na relevancia de vacinarse para poder retomar actividades que practicaban antes, volver facer deporte sen máscara como os adultos ou visitase os seus avós sen ter que tomar tantas "precaucións".

Nais de menores tamén explicaron que, aínda que había certo nerviosismo, en todos os casos explicaron aos seus pequenos o procedemento como algo que "había que facer" para poder acabar coa pandemia e aseguraron que se mostraron receptivos á vacina.

PROSEGUE A VACINACIÓN ATA O SÁBADO

Ata o sábado, está previsto administrar 60.000 vacinas infantís, que se corresponden cun terzo da dose que se proporciona aos adultos. Para este xoves, en toda Galicia déronse 15.300 citas para os máis pequenos.

En días pasados, pronunciouse o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigador en vacinas, Federico Martinón. O experto apoiouse nos estudos científicos publicados e na experiencia de vacinación que xa se abordou en Estados Unidos e Israel (con 6 millóns de picadas a nenos) para afirmar que inmunizar aos menores de entre 5 e 11 anos é "seguro e eficaz".

Ademais, advertiu de que ten outros "beneficios", que, en definitiva, permitiralles levar aos máis pequenos unha vida "máis normal", como evitar corentenas ou poder viaxar co certificado de vacinación. "Con esa dose, obtense a mesma resposta inmune e a mesma capacidade" de resposta que nos maiores, explicou Martinón.

Os efectos secundarios son moi similares aos que experimentan os adultos e, como engadido, neste grupo de idade non se observaron efectos excepcionais que si se viron --de forma rara-- nos adolescentes. Concretamente, dor local na zona da picada e febrícula ou malestar serán os posibles efectos da vacina no colectivo infantil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta