O alcalde de Castroverde repite candidatura para liderar o PSOE provincial de Lugo

A secretaria provincial, Patricia Otero, descarta presentarse ao proceso, no que se prevé que compita José Tomé.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 15/12/2021 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, volverá aspirar por terceira vez a facerse coa Secretaría Xeral do PSOE provincial de Lugo, un proceso interno no que se agarda que tamén se presente o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé.

Xosé María Arias, alcalde de Castroverde (Lugo) polo PSOE
Xosé María Arias, alcalde de Castroverde (Lugo) polo PSOE | Fonte: Galicia 24 horas

O rexedor de Castroverde trasladou a súa intención a varios alcaldes e portavoces do PSOE na provincia na tarde deste mércores, xornada na que, precisamente, o PSOE provincial celebrou unha executiva para convocar o comité provincial que marcará o calendario deste proceso interno.

Xosé María Arias explicou que volverá dar o paso, que fará oficial cando arrinque o proceso interno e nos prazos oportunos, co convencemento de que o partido debe "ter vida orgánica" separada das institucións.

Ademais da candidatura do rexedor de Castroverde, fontes socialistas dan por feito que concorrerá ao proceso o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Con todo, preguntado respecto diso, rexeitou pronunciase sobre este asunto ata o momento no que se abran os prazos.

Pola súa banda, a actual secretaria xeral do PSOE provincial de Lugo, Patricia Otero, confirmou que non competirá neste proceso interno e lembra que ela accedeu a liderar a formación co obxectivo de "darlle unha estabilidade" tras "momentos complicados" pero sen afán de "manterse no tempo no cargo". Ademais, puxo en valor o traballo feito durante a súa etapa como secretaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Ogallá lle gane ó cacique.