O recorte de cotas en 2022 terá un impacto de máis de 16 millóns en Galicia

A Xunta di que hai unha baixada global do 3% nas pesqueiras con intereses galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2021 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, cifrou en máis de 16 millóns de euros o impacto en Galicia do recorte de cotas pesqueiras en 2022, tras o acordo alcanzado esta semana en Bruxelas polos ministros de Pesca da UE.

Na comisión de Pesca, explicou que 7 millóns dese total correspóndense cos ingresos que deixará de percibir a frota galega pola primeira venda desas toneladas de captura, mentres que o resto ten que ver co impacto en 64 das 81 ramas de actividade económica existentes en Galicia.

De tal forma, Galicia concentra o 63% do impacto das reducións das posibilidades pesca nos caladoiros do Cantábrico Noroeste, entre as que se inclúen o descenso do 8% na pescada de augas ibéricas e noutras especies. Ademais, subliña que este impacto se suma ás perdas estimadas de 26 millóns polos recortes de cotas de 2021 na comunidade galega.

Así, lembra que este cálculo fai referencia ao acordo xa pechado para as pesqueiras do Atlántico e do mar do Norte, sen incluír as augas compartidas co Reino Unido. Nestas últimas establecéronse para o primeiro trimestre de 2022 cotas provisionais e proporcionais correspondentes ao TAC existente este ano, o que dá estabilidade á actividade da frota á espera de que se peche o acordo definitivo entre Bruxelas e o Goberno británico.

A  directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, no Parlamento. XOÁN CRESPO
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, no Parlamento. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta