Nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense, á que Jácome retirou o apoio

"Estamos coa metade do orzamento e iso deixounos tocados pero, por fortuna, polo momento, non afundidos", dixo o director de Sarabela Teatro, Fernando Dacosta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2021 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A Mostra de teatro infantil de Ourense, Moti, celebra este mes de decembro a súa décima oitava edición, a primeira na que nin patrocina nin colabora o Concello da cidade. "Ourense ten tres mostras de teatro e o apoio do Concello de Ourense en ningunha delas", censurou o director de Sarabela Teatro, Fernando Dacosta, cuxa compañía organiza este evento.

"Nin a Miteu na primavera, nin o Fito no outono, nin a Miteu na época de Nadal reciben o apoio do Concello", criticou Dacosta antes de apuntar que "afortunadamente" si seguen contando cos apoios do Teatro Principal, a Deputación, o campus da Uvigo en Ourense e Agadic, un respaldo que lles permite "ter sete espectáculos".

Entre eses sete espectáculos inclúense nove representacións que se desenvolverán desde o 27 ao 29 de decembro. Ademais, haberá unha programación especial o 2 de xaneiro, cando se estreará a obra dirixida por Fina Calleja, 'Bruxa descoidada, bruxa chamuscada'.

Deste xeito, sinalou que, "a pesar de ser unha mostra máis pequena" conserva toda a esencia mantendo distintos xéneros para que todo "aquel que asista atope algo do seu gusto". Así, haberá circo, teatro de actor-actriz, maxia, danza, música e contacontos. "Todo o mundo pode ter o seu gusto cumprido", dixo Dacosta.

En canto ás capacidades, respectaranse as medidas que rexan nese momento, que esperan que sexan as actuais, de forma que se poidan superar as 200 persoas por actuación.
Os escenarios serán tanto o Teatro Principal como o Campus de Ourense, onde, á súa vez, haberá dous espazos diferenciados: o salón de actos da Politécnica abrirase para o concerto de Gramola Gominola, "unha das citas máis esperadas da mostra", e as outras representacións do campus terá lugar no salón multiusos do Edificio de Hierro.

As entradas do Teatro Principal terán un custo de 4 euros; mentres que as do campus custarán 3 euros e, ademais, serán solidarias porque a recadación destinarase á OperaciónQuilo. Cada espazo porá as entradas, para as funcións que se desenvolvan nel, desde o primeiro día para todos os días. Ademais o Teatro Principal venderá tamén mediante Ataquilla.com.

A pesar de que se mantén a maior normalidade, a ausencia do Concello como colaborador afecta á presenza de actuacións na rúa. Así, limitarase a Lacotre Producións que, do mércoles 22 ao luns 27, en horario de 18.00 a 19.00, realizará accións teatrais promocionais. "Non hai que esquecer que estamos coa metade do orzamento e iso deixounos tocados pero, por fortuna, polo momento, non afundidos", dixo Dacosta antes de dar paso á lectura dun relato escrito por el mesmo sobre a situación. Nesa historieta sobre uns nenos que crean proxectos ilusionantes e un "grandullón" que os destrúe a fartar termina concluíndo que, "en toda historia hai un protagonista e un antagonista e nesta o abusón tira todo nun mandato".

PROGRAMA

O programa completo poderase consultar a partir de mañá a través da páxina web de Sarabela Teatro, www.sarabelateatro.com.

Presentación da Moti, Mostra de teatro infantil de Ourense, que celebra o seu décimo oitava edición, a primeira sen o apoio do Concello de Ourense
Presentación da Moti, Mostra de teatro infantil de Ourense, que celebra o seu décimo oitava edición, a primeira sen o apoio do Concello de Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta