Estréanse en Pontevedra tres agardados filmes da man de 'Novos Cinemas'

Ademais, a Casa das Campás acollerá a presentación das primeiras imaxes de 'Cando todo un animal', de Ángel Filgueira e Silvia Fuentes.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 17/12/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O cinema deste venres 17 de decembro en Pontevedra vén da man de Novos Cinemas e está protagonizado por tres estreas en Galicia e dous coloquios que terán lugar cos creadores e creadoras dos filmes tras as respectivas proxeccións no Teatro Principal. Ademais, os novos cineastas Ángel Filgueira e Silvia Fuentes compartirán por primeira vez en Galicia imaxes da súa esperada película 'Cando toco un animal'. Será ás 12:30 horas na Casa das Campás

'Rendir los machos' de David Pantaleón
'Rendir los machos' de David Pantaleón

A estrea en Galicia de 'Rendir los machos', a primeira longametraxe do director David Pantaleón que gañou o Premio ao Mellor Film Nacional en L´Alternativa de Barcelona e o Premio a Mellor Director no Festival de Sevilla, será un dos protagonistas da xornada do venres. Tras a proxección, que se levará a cabo no Teatro Principal ás 19:00 horas, terá lugar un encontro co cineasta e coa súa directora de arte Leonor Díaz Esteve (tamén directora de arte de Espíritu sagrado, a película dirixida por Chema García Ibarra que clausura o festival).

A programación da Sección Oficial de mañá contará tamén cunha segunda estrea en Galicia: 'Absolute Denial', de Ryan Braund. Trátase da súa primeira longametraxe, composta por máis de 30.000 fotogramas debuxados a man. O pase terá lugar ás 16:30 horas tamén no Teatro Principal.

O terceiro filme da Sección Oficial que se proxectará mañá será 'Eles transportan a morte', a particular crítica á colonización que co-dirixen a cineasta galega Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado. Ámbolos creadores, xunto á produtora Beli Martínez, estarán presentes en Pontevedra para presentar a película e, tras a proxección, que terá lugar ás 21:30 horas no Teatro Principal, manterán un coloquio co públio asistente.

Ademais, un filme da Sección Latexos será a cuarta estrea en Galicia do día. Ás 12:00 horas no Teatro Principal proxectarase 'El Planeta', de Amalia Ulman. O traballo da cineasta, nada en Arxentina e criada en España, dilúe a diferenza entre o artista e o obxecto de estudo e "emprega técnicas multidisciplinares para a fabricación de narrativas de ficción como o vídeo, a escultura, a instalación, o uso de redes sociais, sesións de fotos de revistas ou entrevistas".

O festival Novos Cinemas, organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, está financiado polo Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través de Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta