Carlos Núñez: "Sempre crin na fusión entre a electrónica e a música tradicional"

O músico vigués está de xira conmemorando o 25 aniversario da publicación do seu disco 'Irmandade das estrelas'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2021 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

Carlos Núñez marcou un antes e un despois na música tradicional e na difusión da música celta desde Galicia para o mundo en 1996, coa publicación do seu primeiro disco, 'A irmandade das estrelas'. Vinte e cinco anos despois, consolidado aquel concepto de fusión e irmandade, o músico vigués edita un álbum co mesmo nomee pero completamente novo, aínda que con evidentes conexións e elementos en común. Se hai 25 anos foron The Chieftains, Ry Cooder, Dulce Pontes ou Luz Casal, neste faise acompañar de Rozalén, Iván Ferreiro, Andrés Suárez, Tanxungueiras ou Glen Hansard, entre outros.

A publicación deste 'Irmandade das estrelas. 25 Aniversario' chega acompañada dunha xira que fará catro escalas en Galicia: A Coruña (17), Pontevedra (18), Ferrol (19) e Vigo (23), e que chegará despois a outras doce cidades españolas antes de que finalice o mes de xaneiro. "'Irmandade das estrelas' sempre me acompañou. Foi a estrela que me guiou nestes 25 anos de conquista", trasladou o autor. Unha "conquista" que naceu nun contexto moi distinto ao actual.

"Nos anos da Movida, vivir en Vigo o fenómeno da música celta era bastante complicado. Eu sentíame como o monxe de 'O nome da rosa', no meu particular mosteiro, concentrado, estudando, cos meus mestres da música tradicional. Así pasei eu a adolescencia en Vigo nos anos 80. Ata que nos 90 saíu o sol e a música celta púxose de moda en todo o mundo", lembra o gaiteiro.

THE CHIEFTAINS CAMBIÁRONO TODO

The Chieftains tiveron moito que ver naquel fenómeno e tamén no desenvolvemento da carreira de Carlos Núñez. "Presentáronmos con 13 anos nun concerto en Castrelos e con 18 xa empecei a gravar e a viaxar con eles" e iso, recoñece agora o músico vigués, "cambiouno todo".

Por aquel entón The Chieftains tiñan acceso aos grandes artistas de todos os xéneros e o mozo Carlos Núñez tivo ocasión de vivir con eles "colaboracións incribles". Actuou xunto a The Who, Bob Dylan, Joni Mitchel, Lou Reed, Bon Jovi, Spin Doctors..., que curiosamente, di, "non eran como aqueles artistas da Movida.

"Eu volvín daquel viaxe iniciático pensando: quero o mesmo para nosa música" e aí, recoñece, "naceu 'Irmandade das estrelas'". Seguindo aquel esquema de convidar a primeiros espadas doutros xéneros, Carlos Núñez convidou para o seu primeiro disco aos propios The Chieftains, Luz Casal, Ry Cooder ou Dulce Pontes co obxectivo de "atraelos cara á música tradicional e facer música o máis universal posible".

UNHA NOVA 'IRMANDADE'

Vinte e cinco anos despois Carlos Núñez presenta unha nova "irmandade", para a que buscou "facer cómplices a artistas que están agora mesmo na palestra" como Rozalén, Iván Ferreiro, Tanxugueiras, Andrés Suárez ou Glen Hansard.

"Dinme conta de que hai toda unha nova xeración que seguiu ese ronsel de 'Irmandade das estrelas'. Aquel disco cambiou moitas cousas e xerou un respecto e sobre todo a idea de que coa nosa música tradicional podemos facer algo universal", comenta o músico.

"Percibo que hai xente moi nova que xa sen complexos de ningún tipo valorizan a tradición. Xente como C. Boureo, Rosalía, Rozalén ou Vetusta Morla. Os músicos españois de agora parécense máis a aqueles rockeiros americanos que eu coñecera nos 90", engade.

"O QUE ESTÁ A PASAR EN GALICIA É FENOMENAL"

Tamén en Galicia está a ocorrer un fenómeno similar con propostas como as de Tanxugueiras ou Baiuca que lles están dando un revolcón ao modo de entender e utilizar a música tradicional, fusionándoa con ritmos electrónicos ou urbanos. "Paréceme fenomenal que iso estea a pasar", comenta Carlos Núñez.

"É unha liña pola que levo apostando desde hai 25 anos", engade, á vez que lembra que no seu segundo disco, 'Os amores libres' (1999), xa traballou con produtores ingleses e franceses de música electrónica, como Afro Celt Sound System ou Hector Zazou. "Traïámolos a Galicia a gravar cos paisanos", lembra o gaiteiro. "Eu sempre crin nesa fusión entre a electrónica e a música tradicional e encántame que haxa unha nova xeración de músicos que estean a traballar nesa dirección".

Carlos Núñez considera ademaIs que "a gaita foi a guitarra eléctrica da Idade Media". Para xustificalo argumenta que hoxe, en España, o límite máximo permitido nunha vivenda é de 35 decibeis. "Pois ben, a miña gaita xera 105 decibeis. Iso hai mil anos era o heavy metal". Foi por iso, asegura, que a gaita se estendeu por toda Europa con tanta rapidez e intensidade. Pero a relación entre un e outro instrumento non se remonta ao pasado.

"Escoito a moitos guitarristas de rock que toman prestadas escalas e meoldías da gaita", explica, á vez que recoñece que tamén el foi recollendo "xiros e ideas dos virtuosos da guitarra eléctrica que son aplicables á gaita".

HAI "IRMANDADE" ENTRE AS ESTRELAS?

Parafraseando o título daquel disco de hai 25 anos e do actual, asegura Carlos Núñez que a día de hoxe "si que hai" 'irmandade' entre as estrelas da música" e pon como proba a performance que organizou o 31 de decembro de 2020 diante da porta santa da catedral de Santiago para inaugurar o ano Xacobeo.

"Propuxen facer un vídeo convidando a amigos músicos, un pouco nesa clave de 'irmandade'. E vaia, vaia". Alí estiveron desde Julio Iglesias a Alejandro Sanz, pasando por Amaral, Rozalén, Glen Hansard, Iván Ferreiro, Xabier Díaz. "Todo, todo o mundo. Claro que hai 'irmandade'. Esa sensación de ir facendo familia, que é algo profundamente galego, é algo máxico e extraordinario que ten a música", destaca.

A xira 'Irmandade das Estrelas. 25 Aniversario' de Carlos Núñez está dedicada á memoria de Paddy Moloney, líder e fundador de The Chieftains, falecido o pasado mes de outubro. "Eu aínda non me podo crer que Paddy xa non estea", comenta o gaiteiro vigués. "Levouno a tristeza. Para el foi traumático cortar a xira americana e non soportou estar dous anos sen tocar. Para que vexas o importante que é para os músicos o contacto co público, esa enerxía".

Foron moitas as vivencias que Carlos Núñez compartiu ao longo dos anos con Paddy Moloney e coa banda irlandesa, pero asegura lembrar un consello que para el resultou transcendental. "O máis importante que me deixou Paddy Moloney foi un consello que me deu xa desde o principio. Díxome 'Carlos non penses só no teu pequeno país, pensa no mundo, pensa en internacional'. E esa idea segue sendo a pedra angular de todo o que fago na música".

O gaiteiro Carlos Núñez. JAVIER SALGAS
O gaiteiro Carlos Núñez. JAVIER SALGAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta