Lupe Gómez gaña o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño con 'Montaña Ioga'

O xurado destacou do poemario ser unha "obra telúrica, con imaxes moi potentes na que se fai unha defensa da terra cunha ollada profunda".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/12/2021 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

O poemario 'Montaña Ioga', de Lupe Gómez Arto, vén de gañar a  XXI edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Así o decidiu o xurado, reunido de xeito telemático e composto por Alicia Fernández Rodríguez, Verónica Martínez Delgado e Luzdivina Pichel González, actuando como secretaria a presidenta da A.C. Ergueitas, María Casar e como presidenta a concelleira de cultura de Sarria, Reyes Abella. O xurado destacou a elevada participación e a grande calidade literaria das obras presentadas, cunha "creatividade e unhas liñas poéticas ben diversas e anovadoras".

Lupe Gómez.
Lupe Gómez. | Fonte: deconcursos.com

De entre as obras presentadas, decidiron outorgar o premio por consenso á obra 'Montaña Ioga', que resultou ser da autoría de Lupe Gómez Arto. O xurado salientou que se trata dun libro dunha poesía pura e nídia. Unha obra "moi traballada, de grande perfección estrutural e estilística". Ademais, destacaron a linguaxe coidada da obra e definírona como unha  "obra telúrica, con imaxes moi potentes na que se fai unha defensa da terra cunha ollada profunda".

Na obra, tal e como explicaron, fúndese o eu poético cunha visión do mundo propia e diferenciadora, desde a que se fai unha análise cosmogónica. "As referencias ao ioga son perfectas e asistimos a un percorrido por diferentes posturas ao tempo que avanzamos polos poemas" sinalaron. O propio lema co que se presentou a obra (Auga do río Sarela) remite a unha poeta e a unha obra que flúen no sentido filosófico, engadiron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta