Temas: ENQUISA CIS

O PSOE mantense por diante do PP e a ultradereita segue recuperando terreo na enquisa do CIS

Yolanda Díaz é a líder mellor valorada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/12/2021 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Barómetro de decembro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) volve situar ao PSOE como primeira forza política ampliando a 7,2 puntos a súa vantaxe sobre o PP, que se estanca, mentres o partido ultraereitista Vox cumpre tres meses en liña ascendente.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece no Congreso polo estado de alarma
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece no Congreso polo estado de alarma | Fonte: Europa Press.

Este barómetro baséase en 3.733 entrevistas telefónicas realizadas en 1.221 concellos de 50 provincias entre os días 1 e 13 de decembro, coincidido con episodios políticos como o aniversario da Constitución, o enfrontamento entre o PP de Madrid e a dirección estatal, o inicio da polémica pola sentenza do castelán nun colexio de Canet, e as declaracións de Yolanda Diaz recoñecendo que ela viu vir o coronavirus antes do 8 de marzo de 2020.

En concreto, a enquisa outorga ao PSOE unha estimación de voto do 28%, a mesma porcentaxe coa que gañou as eleccións hai xusto dous anos e catro décimas mais que o pasado novembro.

A súa vantaxe sobre o PP aumenta medio punto, pasando de 6,7 a 7,2 puntos, e é que o partido de Pablo Casado marca agora un 20,8%, unha décima menos que o mes anterior e xusto a mesma porcentaxe das eleccións de 2019.

E mentres se estanca o PP, sobe Vox por terceiro mes consecutivo e agora rexistra unha estimación de voto do 14,6%, o seu mellor resultado no CIS desde o pasado mes de abril. Iso si, a ultradereita segue por baixo do 15,09% que logrou nas xerais de hai dous anos.

Unidas Podemos, pola súa banda, marca un 13,7% no barómetro de decembro, unha décima mellor que o mes anterior e case un punto máis que o seu resultado das xerais, cando a súa candidatura a encabezou Pablo Iglesias.

E Ciudadanos mantense no CIS por enriba da barreira do 5%, concretamente un 5,9%, dúas décimas máis que en novembro, pero aínda por baixo do 6,79% de hai dous anos que supuxo un fracaso para o partido e a retirada de Albert Rivera.

Así as cousas, os dous partidos do goberno de coalición mantéñense no CIS por enriba da suma de PP, Vox e Ciudadanos, cun 41,7% fronte ao 41,3%.

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, mantense como o candidato preferido para presidir o Goberno cun apoio do 21,9% fronte ao 17,1% de Yolanda Díaz e o 11,1% de Pablo Casado. Ademais, case un terzo dos enquisados (31%) asegura ter bastante ou moita confianza no presidente, un dato moi superior á confianza que ofrece Casado, que queda no 10%.

Iso si, o político socialista segue por detrás da vicepresidenta Yolanda Díaz, cartel electoral de Unidas Podemos, que volve ser a líder mellor valorada cunha nota de 4,84 puntos fronte ao 4,55 que obtén Sánchez.

Temas: ENQUISA CIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta