Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/12/2021 | Actualizada ás 19:54
A Consellería de Sanidade abriu unha investigación sobre se existe unha "rede de médicos antvacinas", unha cuestión que tamén reclamaron os sindicatos da mesa sectorial nunha reunión que mantiveron este luns.
Segundo indicaron fontes sanitarias, a secretaria xeral da Consellería de Sanidade está a investigar a información publicada en 'La Voz de Galicia' sobre unha "rede de médicos antivacinas", respecto do que indican que "ata a data non se produciron denuncias referentes aos feitos" que inclúe este medio de comunicación.
Con todo, a CIG lembrou que xa no verán enviou un escrito á xerencia de Lugo para que investigase a un facultativo que difundía mensaxes "negacionistas", respecto do que só obtivo como resposta que se daba traslado á Consellería.
As mesmas fontes da Consellería de Sanidade reivindicaron o uso das vacinas "como a ferramenta máis eficaz para loitar contra a covid", unha mensaxe compartida polas forzas sindicais con representación na mesa sectorial.
As fontes sindicais consultadas indicaron que mostraron o seu apoio ao proceso de vacinación e, segundo indicou a Dirección Xeral de Recursos Humanos, tamén o "rexeitamento a calquera tipo de afirmación negacionista".
Tamén se pronunciou este luns o Consello Galego de Colexios Médicos, que demandou que se investigue de oficio a suposta rede negacionista "da pandemia e a vacinación contra a covid-19" de facultativos no caso de que se confirme que difunde "fórmulas para eludir o uso da máscara" e "propña ocultar infeccións" e "facilite receitas en branco".
A mesa sectorial deste luns tiña como obxectivo inicial a "falta" de persoal, especialmente nestas datas do Nadal e a concesión de permisos, así como a remuneración polas xornadas prolongadas, como pediran os sindicatos a pasada semana, aínda que non se chegou a ningún acordo concreto respecto diso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.