Cheo absoluto no primeiro AVE entre Ourense e Madrid

"En dúas horas é un luxo poder facer isto", di un dos usuarios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2021 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O primeiro tren que conecta Madrid con Galicia por primeira vez na historia por medio da alta velocidade saíu esta mañá desde Ourense ás 10.00 horas con destino á capital española con todas as prazas ocupadas. En sentido Madrid-Ourense, o primeiro servizo AVE das 06.30 horas partiu da capital con 160 viaxeiros, ao redor da metade das prazas dispoñibles, segundo informa a operadora pública nun comunicado.

Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021, na Gudiña, Ourense, Galicia, (España). Tras máis de 16 anos de planificación e numerosas datas e adiamentos para a súa culminación, o AVE inaug. Rosa Veiga - Europa Press
Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021, na Gudiña, Ourense, Galicia, (España). Tras máis de 16 anos de planificación e numerosas datas e adiamentos para a súa culminación, o AVE inaug. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Desde a posta á venda dos billetes do AVE, o pasado 23 de novembro, xa se venderon 125.000 billetes, entre os que se inclúen os billetes promocionais a 15 euros para celebrar a chegada da Alta Velocidade a Galicia. En total, no primeiro día de servizo da Alta Velocidade entre Galicia e Madrid, preto de 5.000 viaxeiros utilizarán os trens AVE e Alvia de Renfe que conectan ambas as rexións.

TEMPOS DE VIAXE E FRECUENCIAS

Así, Ourense-Madrid pasa de 6 a 10 servizos diarios directos por sentido con 2 horas e Cuarto por traxecto. A Coruña-Madrid pasa de 5 a 10 servizos diarios por sentido (3 directos e 7 con ligazón), co mellor tempo de viaxe en 3 horas e 51 minutos, sendo con ligazón de 3 horas e media.

Santiago-Madrid pasa de 5 a 10 servizos diarios por sentido (4 directos e 6 con ligazón), co mellor tempo de viaxe 3 horas e 20 minutos e de só 3 horas en caso de ligazón; Ferrol-Madrid, 2 servizos diarios en cinco horas e oito minutos; Vigo-Madrid, de 4 a 8 servizos diarios en 4 horas e 16 minutos. Pola súa banda, Pontevedra-Madrid pasa de 5 a 7 servizos diarios por sentido (4 directos e 3 con ligazón), co mellor tempo de viaxe en catro horas e Lugo-Madrid pasa de 3 a 4 servizos diarios por sentido (1 directo e 3 con ligazón), en 4 horas de viaxe. A estes aforros de tempo engadiranse uns 20 minutos menos máis coa entrada en funcionamento dos trens Ave da serie 106 (Avril), salvo no servizo directo Ourense-Madrid, que xa se sitúa nesas dúas horas e cuarto.

EXPERIENCIA DE USUARIOS

"Vou e volvo por 30 euros, 15 cada un", dicía Jaime García, un dos usuarios, quen, ademais, confesaba o motivo da súa viaxe: "Xuntámonos uns amigos que estudamos en distintas zonas, imos pasar uns días en Madrid". Unha viaxe que, asegurou, "en dúas horas é un luxo poder facer isto".

"Luxo" tamén foi a palabra empregada para describilo por un matrimonio de Bande que volve a casa por Nadal, pero non á súa, á do seu fillo. "Imos visitalo e é un luxo, cando nós viviamos alí chegamos a facer traxectos de 10-11 horas", describiron.

En Ourense subíronse a maior parte dos pasaxeiros dun tren que tamén fai parada en Zamora e na Gudiña, rebautizada como 'Porta Galicia'.

"Faime moitísima ilusión, tiven a sorte de coller os billetes coa oferta e é un gran momento, é histórico para Ourense e eu estou nel", celebrou antes de engadir: "Ademais, o meu pai é castelán, así que recortar tempo con Zamora tamén é un momento ilusionante para os reencontros familiares".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta