O custo das superbacterias: 96.878 euros de media por paciente ingresado na UCI

Unha investigación na que participou o CHUS revela por primeira vez os custos reais por paciente crítico ingresado por infeccións bacterianas e insiste na urxente necesidade de combater o problema global da resistencia aos antibióticos. A OMS alerta de que no ano 2050 haberá no mundo máis mortes relacionadas con infeccións causadas por superbacterias resistentes que por cancro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A comunidade científica vén alertando de que a resistencia aos antibióticos será unha das maiores ameazas para a saúde pública mundial nesta década e vindeiras se non se atopa unha solución. A causa: un fenómeno natural polo que as bacterias se van facendo cada vez máis resistentes aos fármacos, un proceso que se acelerou polo uso abusivo de antibióticos en humanos e animais.

Imaxe da bacteria Pseudomona aeruginosa
Imaxe da bacteria Pseudomona aeruginosa | Fonte: Janice Haney Carr | CDC.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu de que no ano 2050 haberá no mundo máis mortes relacionadas con infeccións causadas por superbacterias resistentes (10 millóns de vítimas) que por cancro. De feito, este organismo supranacional estima que a mediados deste século, a resistencia a antibióticos será a principal causa de morte no planeta.

En 2017, a OMS publicou un documento no que enumeraba as superbacterias contra as cales é máis urxente desenvolver novos antibióticos. Esa lista de “patóxenos prioritarios” resistentes aos antibióticos inclúe as 12 familias de bacterias máis perigosas para a saúde humana.

A OMS declarou que “o custo da resistencia aos antimicrobianos para a economía é considerable”

Na lista ponse de relevo especialmente a ameaza que supoñen as bacterias gramnegativas resistentes a múltiples antibióticos. Estas bacterias teñen a capacidade innata de atopar novas formas de resistir aos tratamentos e poden transmitir material xenético que permite a outras bacterias facerse farmacorresistentes.

O avance destas superbacterias non só pon en risco millóns de vidas no mundo, tamén o sistema sanitario, ao aumentar a presión hospitalaria e incrementarse os custos. De feito, a OMS declarou que “o custo da resistencia aos antimicrobianos para a economía é considerable”, xa que “ademais de morte e discapacidade, a prolongación das enfermidades tradúcese en estancias hospitalarias máis longas, a necesidade de medicamentos máis caros e dificultades financeiras para as persoas afectadas”.

Agora, un estudo realizado en España calcula en 96.878 euros o custo medio por paciente polo uso de recursos hospitalarios en enfermos hospitalizados en UCI debido a infeccións causadas polas bacterias gramnegativas.

O traballo está asinado por investigadores das unidades de coidados intensivos do Hospital Universitario Vall d'Hebron (Barcelona), Hospital Universitario Virgen Macarena (Sevilla) e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), ademais de expertos da empresa consultora sanitaria Omakase Consulting.

Os investigadores realizaron un estudo observacional retrospectivo de revisión de historias clínicas nestes hospitais de Barcelona, Sevilla e Santiago de Compostela, tres centros cun “gran volume de pacientes infectados por bacterias gramnegativas resistentes a carbapenémicos”, destacan os autores do traballo. Para isto, recolléronse datos demográficos, do manexo clínico e do uso de recursos asociado á hospitalización de historias clínicas de 130 pacientes hospitalizados en UCI cunha infección confirmada por bacterias gramnegativas resistentes a carbapenémicos (CRGN, polas súas siglas en inglés), os cales son unha familia de antibióticos de amplio espectro. 

Entre os casos analizados, a maioría dos pacientes infectados por estas bacterias presentaban factores de risco, como idade avanzada ou comorbilidades, e a identificación da bacteria confirmouse de media 17 días despois do ingreso na UCI. A ventilación mecánica tamén se identificou como un factor de risco para a infección bacteriana hospitalaria e asociouse cun aumento da mortalidade na infección por CRGN. Con todo, matizan, aínda que “a ventilación invasiva xa foi sinalada anteriormente” por outros estudos como “un factor de risco para a infección por CRGN”, os datos desta investigación “non permiten confirmar que nos pacientes do noso estudo exista unha relación causal”, clarifican.

“As infeccións por bacterias gramnegativas resistentes a a carbapenémicos causan un alto uso de recursos hospitalarios"

No traballo realizáronse análises descritivas do manexo clínico e o uso de recursos e os seus custos en episodios de infeccións por CRGN, e calculáronse os custos totais para cada tipo de recurso.

O custo medio total asociado aos recursos usados durante o episodio de infección por CRGN por paciente foi de 96.878 euros. Este custo total inclúe 84.140 € da estancia no hospital, 11.021€ dos tratamentos (558 € de antibióticos e 10.463 € por outros tratamentos) e 1.717 € por tests diagnósticos.

“O episodio de infección por CRGN causa un alto uso de recursos hospitalarios, sendo a duración da estancia tanto en planta hospitalaria como en UCI o factor con maior peso dos custos totais. Os tests diagnósticos clínicos e os tratamentos, incluíndo os antibióticos, representan a parte máis pequena do uso de recursos e os seus custos (13% do custo total)”, resumen os autores do estudo.

En resumo, os autores consideran que este estudo “demostrou que os episodios de infeccións por CRGN na práctica clínica real implican unha alta utilización dos recursos hospitalarios en pacientes hospitalizados en UCI”, xa que “a xestión destas infeccións require un uso intensivo dos recursos hospitalarios, como medidas estritas de illamento, tratamentos ou probas diagnósticas”.

“Polo que sabemos, este é o primeiro traballo que estuda a utilización de recursos no proceso de xestión da infección por CRGN en pacientes ingresados ​​na UCI con datos reais de práctica clínica en España”, afirman.

Estes expertos lembran que “as bacterias gramnegativas resistentes a carbapenémicos son unha ameaza urxente de saúde pública polas limitadas opcións de tratamento, a súa rápida dispersión e o alto impacto clínico e taxas de mortalidade”.

“Con todo”, engaden, “a carga e o uso de recursos destas infeccións non foran investigadas”.

RESISTENCIA AOS ANTIBIÓTICOS

Os investigadores alertan de que a resistencia destas bacterias aos antibióticos dispoñibles ten “consecuencias directas e indirectas”, tanto para os propios pacientes, como para a sociedade no seu conxunto. Os datos actuais indican que no mundo morren ao redor de 700.000 persoas ao ano por mor das infeccións por bacterias multirresistentes, “pero é probable que este número estea subestimado”, alertan estes expertos.

Entre os diferentes tipos de bacterias patóxenas, “as CRGN son especialmente complicadas pola súa resistencia desenvolvida aos antibióticos, a súa rápida propagación e o seu impacto clínico agresivo” e están causando “un gran número de emerxencias médicas, complicacións graves para os pacientes, longas estancias hospitalarias e altas taxas de mortalidade”, explican.

O panorama non é nada esperanzador: “Está demostrado que as bacterias CRGN acumulan continuamente mecanismos de multirresistencia aos fármacos, facendo que estas bacterias sexan cada vez máis nocivas”, achegan os científicos.

“A cura clínica e a erradicación microbiolóxica non se conseguiu nunha alta porcentaxe dos nosos pacientes"

De feito, nos 130 casos analizados neste estudo, “a cura clínica e a erradicación microbiolóxica non se conseguiu nunha alta porcentaxe dos nosos pacientes, o que sinala a necesidade de desenvolver novos fármacos eficaces que permitan unha rápida intervención, co fin de reducir o tempo de estancia hospitalaria e os seus riscos asociados”, aportan.

Como se sabe, no aumento da resistencia bacteriana interveñen diferentes factores, sendo unha das principais causas o abuso do tratamento antibiótico. E España foi sinalada como “un dos países europeos con maior inxestión comunitaria de antibiótico”, sendo as bacterias CRGN a “primeira fonte de infeccións, causantes dun elevado número de emerxencias médicas, morbilidade e mortalidade”.

Pero ademais do padecemento dos pacientes, as infeccións por CRGN tamén teñen importantes impactos económicos. Como exemplifican estes investigadores, na Unión Europea estímase que as infeccións por bacterias multirresistentes supoñen 1.500 millóns de euros anuais en custos directos e indirectos. E en España, un estudo estimou que as infeccións por CRGN supoñen un custo total de 472 millóns de euros anuais para o sistema de saúde.

Neste punto, os resultados do novo estudo coa participación do CHUS son moi valiosos, xa que “aínda que os custos dos episodios de infección por CRGN sexan elevados, o peso dos antibióticos en todo o episodio non é significativo”, como se demostrou, polo que “o impacto potencial do emprego de fármacos máis caros pero eficaces que poden reducir potencialmente o uso doutros recursos (por exemplo, a duración da estancia hospitalaria e na UCI) debería ser investigado e, finalmente, debería ser considerado na práctica clínica”, argúen os autores da investigación.

UN “PROBLEMA DE TREMENDAS DIMENSIÓNS”

En 2018, Germán Bou Arévalo, xefe do Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), ingresou como académico de número da Real Academia de Farmacia de Galicia cun discurso titulado precisamente “A resistencia aos antimicrobianos en bacilos gramnegativos”, que considera un “problema de tremendas dimensións”

Nel, o especialista alertaba da “problemática actual do fenómeno da resistencia aos antimicrobianos, centrando o mesmo, nos bacilos gramnegativos, xa que son na actualidade os principais patóxenos humanos, ou polo menos, os máis problemáticos, sobre todo a nivel hospitalario pero tamén na propia comunidade”, e que supoñen unha “tremenda ameaza” para a saúde pública.

"As taxas de resistencia aos antibióticos ‘clásicos’ acadaron niveis moi alarmantes”

“Por determinadas razóns, o desenvolvemento de novos fármacos contra os microorganismos causantes de infeccións humanas non camiñou de maneira simultánea á propia evolución bacteriana e, por tanto, ao fenómeno da resistencia aos  antimicrobianos. Así, na actualidade, e nalgúns casos, as taxas de resistencia aos antibióticos ‘clásicos’ acadaron niveis moi alarmantes”, expuxo o experto, quen alerta de que “algúns informes vaticinan que o número de persoas falecidas por infeccións causadas por bacterias resistentes superará en 30 anos o de decesos por accidente de tráfico ou o propio cancro”, como vén avisando a OMS.

Precisamente, a Organización Mundial da Saúde declarou en outubro de 2020 que a resistencia aos antimicrobianos é unha das dez principais ameazas de saúde pública ás que se enfronta a humanidade.

VACINA GALEGA

Precisamente, Germán Bou, considerado por moitos como “o médico español que está a gañar a batalla ás superbacterias”, vén dirixindo desde 2012 unha serie de investigacións para acadar unha vacina contra superbacterias. Tras publicar nas revistas Nature CommunicationsVirulence a base científica do proxecto, co que se buscan solucións tecnolóxicas para deseñar vacinas para distintas superbacterias, Bou e o seu equipo presentaron recentemente os resultados da súa experimentación co prototipo dunha vacina deseñado contra a bacteria Pseudomonas aeruginosa.

En concreto, foron investigadores do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), en colaboración con colegas da Universidade do Porto adscritos ao Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, o IBMC (Instituto de Bioloxía Molecular e Celular), o Instituto de Ciências Biomédicas Abel Salazar e o IPATIMUP (Instituto de Patoloxía Molecular e Inmunoloxía).

A vacina só se aplicou en ratos, pero os resultados foron prometedores para posibles ensaios en humanos

Os científicos probaron a inmunoxenicidade (capacidade para reaccionar fronte a un  antíxeno) e a eficacia protectora dunha vacina viva experimental contra a pneumonía por Pseudomonas aeruginosa. De momento, só se aplicou en ratos, pero os resultados, publicados en 2020, foron prometedores para posibles ensaios en humanos.

Pseudomonas aeruginosa é unha bacteria oportunista (aprovéitase dun sistema inmune debilitado) que representa unha das principais causas de pneumonía nosocomial, a segunda infección de orixe hospitalaria, asociada a unha alta mortalidade. Trátase dunha superbacteria, é dicir, cepas que desenvolveron tal capacidade de resistencia aos antibióticos, que estes lles resultan inocuos.

Hoxe en día, non hai vacina para previr a infección pulmonar causada por este patóxeno altamente preocupante, e os fármacos están a mostrarse ineficaces. Con todo, a solución podería acharse nun laboratorio galego.

Coa aplicación da vacina deseñada observouse unha “mellora significativa na supervivencia dos ratos despois da infección pulmonar causada polas cepas PAO1 e PA14, produtoras da proteína ExoU. Case un terzo dos ratos infectados co clon epidémico de alto risco XDR –extremadamente resistente (extensively drug-resistant, en inglés) ST235 tamén se mostraron protexidos tras a administración da vacina (ST111, ST175 e ST235 son os tres principais clons de P. aeruginosa de alto risco internacional; dos tres, ST235 é o que ten maior distribución a nivel mundial).

En opinión dos autores dos ensaios clínicos, aínda que “os resultados obtidos neste estudo aínda son limitados”, debido á novidade desta vacina, cren que este prototipo ten “potencial” para ser considerado un “prometedor candidato a vacina” en humanos contra a pneumonía por P. aeruginosa.

En efecto, o traballo destes científicos abriu a posibilidade ao deseño dunha nova xeración de vacinas que poderían ofrecer solucións alternativas aos antibióticos na loita contra as superbacterias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta