A Xunta di que non poden retirarse os bens da Casa Cornide e carga contra a xestión do goberno local

O BNG pide dispor dun inventario completo para blindar os bens mobles.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2021 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reivindicou a actuación da Xunta en favor dos "valores culturais" da Casa Cornide da Coruña tras a incoación do expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) e insistiu a retirada de efectos do seu interior non pode realizarse sen autorización da Administración autonómica.

En resposta a unha pregunta do BNG durante o pleno do Parlamento galego celebrado este mércores, recalcou que a Xunta foi "a única que fixo algo polos valores culturais da Casa Cornide" e criticou que o Concello non comezase o proceso xudicial anunciado para determinar a propiedade dos bens da mesma. Neste sentido, Román Rodríguez recalcou que "desde o primeiro momento" no que se incoou o expediente a protección contemplou "o continente e o contido" da Casa Cornide e asegurou que se se actuou do mesmo xeito coas Torres de Meirás "moitos dos problemas" actuais sobre os seus efectos "non se terían".

Ademais, recalcou que non é posible realizar un traslado de bens do seu interior "porque para iso é necesaria unha autorización da Xunta". En todo caso, recalcou que "para determinar a propiedade dos bens ten que ser o Concello o que vaia pola vía xudicial".

BNG ADVIRTE DUN POSIBLE TRASLADO

Pola súa banda, a deputada nacionalista Mercedes Queixas alertou de que veciños da zona advertiron un traslado de bens do inmoble e reprobou "o espolio que acompañou á familia do ditador (Francisco Franco)". Nesta liña, Queixas pediu ao conselleiro aclarar se os técnicos da Consellería o visitaron "para ter un inventario completo de bens susceptibles de catalogación". "Cantas visitas fixeron para ter un informe que blinde os bens mobles da Casa Cornide? Cando imos dispor dese inventario completo", preguntou.

Así mesmo, denunciou que a resolución de incoación do procedemento para a declaración como BIC debe implicar un réxime de apertura do inmoble para visitas durante polo menos catro días ao mes estas non se realizan. A ese respecto, Rodríguez explicou que antes diso resulta necesario responder as alegacións realizadas para evitar "entrar na ilegalidade".

PROGRAMACIÓN CULTURAL EN OURENSE

Noutra orde de cousas, en resposta a outra pregunta do Bloque, o conselleiro resaltou a aposta pola cultura na cidade de Ourense, onde detallou que se inauguraron a biblioteca 'Nós' e un arquivo cultural, mentres un museo arqueolóxico se atopa en obras.

Do mesmo xeito, destacou "grandes iniciativas culturais financiadas e cofinanciadas pola Xunta" na cidade, como o Festival Pórtico da Gloria, o Festival de Cinema e a exposición 'Galicia, de nós a nós', ademais do incremento de fondos destinados á programación do Teatro Principal. Tras considerar "sorprendente" que "se cuestione o apoio da Xunta" á cultura en Ourense, instou ao Bloque a "transmitir a forza" da súa iniciativa á demanda de actividade da mesma índole en Lugo.

Mentres, o deputado nacionalista Iago Tabarés lamentou que ao preguntar ao Goberno galego por Ourense "conteste sobre Lugo", o que tachou de "falta de respecto aos miles de cidadáns que se manifestaron pola cultura" na primeira cidade.

Ante o rexeitamento do Concello a unha proposta cultural, considerou que o Executivo autonómico "debe substituír algunhas cooperacións por actuacións directas". Así, chamou á Xunta a "implicarse radicalamente" para "reverter unha situación" de "abandono ou persecución do tecido cultural" dado o seu impacto no PIB.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde o pleno. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta