Bugallo cre que este luns Santiago superará os 1.000 casos activos por COVID

A festa de fin de ano no Obradoiro celebrarase con 2.500 persoas e pasaporte COVID.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que o plan actual para a festa de fin de ano na Praza do Obradoiro consistirá "en 2.500 persoas asistentes repartidas en áreas separadas entre si", con control previo de pasaporte covid.

Ante a evolución dos contagios por coronavirus e á espera das decisións que tomen as autoridades autonómicas, Bugallo expuxo en rolda de prensa este luns o plan municipal para manter a festa de despedida de 2021 aos pés da Catedral, de forma que a xente non estará toda xunta, senón "en diferentes ámbitos nos que se dividirá a praza".

Ante a pregunta de se a asistencia vai ser con entrada previa, o alcalde admitiu non poder concretalo, pero avanzou que "en principio é probable que si o sexa".

Bugallo comparou esta medida coa que tomaron en Madrid, mencionando que na capital acaban de aprobar "7.000 persoas na Porta do Sol", a cal ten 10.000 metros cadrados útiles, mentres que a Praza do Obradoiro conta con 6.700 metros cadrados.

"7.000 persoas na Porta do Sol son bastantes máis que 2.500 na Praza do Obradoiro", argumentou o rexedor compostelán. Con todo, matizou que estarán atentos ás "decisións que tome o comité clínico", convocado para as 18,00 horas deste luns, por se hai que facer modificacións ou tomar medidas.

EVOLUCIÓN DA COVID

En canto á evolución do covid, o alcalde explicou que na zona sanitaria de Santiago este domingo había 941 casos activos, o que supón unha marca histórica que é catro veces máis que na mesma data do ano anterior. "Previsiblemente hoxe (por este luns) superaranse os 1.000 casos activos", engadiu.

Con todo, remarcou que desde o punto de vista da ocupación hospitalaria, o domingo había 18 camas ocupadas en toda a zona sanitaria, catro en UCI e 14 en planta. Por iso, "as persoas atendidas en hospitais son algo menos dun un por cento do número de casos totais".

ATENCIÓN PRIMARIA

En canto ao aumento da presión asistencial que se rexistrou nas últimas semanas, Bugallo dixo que é algo que "toca preto a todos" e que "é evidente" que na atención primaria hai un "certo colapso".

O alcalde explicou que coñece "de primeira mano" centros de saúde das zonas rurais próximas a Santiago nos que os médicos están a acabar a "as 4,30 e 5,00 da tarde" a súa xornada laboral porque "non dan abasto a atender aos pacientes".

Admitiu descoñecer se nas zonas urbanas sucede o mesmo. Por iso, aproveitou para "agradecer o esforzo que fan os profesionais" e "lamentar" que estean tan escasos de medios humanos.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta