O Consello Económico e Social pide medidas sobre o lobo e apostar pola rede ferroviaria

A entidade pide aos gobernos galegos e estatal que senten para negociar o xeito de reducir o impacto deste animal nas explotacións gandeiras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2021 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O Consello Económico e Social de Galicia demandou á Xunta e ao Estado que adopten medidas consensuadas para garantir a protección do lobo e facer compatible a súa existencia coa actividade gandeira. Ademais, o CES tamén se situou, a través doutra declaración institucional, a favor do fomento e desenvolvemento dunha rede ferroviaria en Galicia tanto para pasaxeiros como para mercadorías.

As declaracións foron difundidas este luns pola entidade que preside Agustín Hernández, que demanda aos gobernos galego e estatal sentar a negociar medidas que reduzan o impacto nas explotacións gandeiras da prohibición de cazar lobos. Así, advirten do "aumento da incidencia" de ataques de lobo ás gandarías en extensivo "en determinadas" comarcas de Galicia, o que, segundo o CES, "fai perigar a súa continuidade".

Así mesmo, apuntan a que a proximidade de certos exemplares de lobo a zonas habitadas "está a xerar preocupación e alarma social", polo que piden ás administracións que, dentro das súas competencias, adopten medidas que garantan a "convivencia" das poboacións autóctonas destes animais coa actividade gandeira.

Así, expón a articulación de subvencións a medios de prevención de ataques e a creación dun fondo público que faga fronte ás indemnizacións polos danos ao gando "cunha valoración das reses axustada ao mercado" e "que teña en conta os danos colaterais e o lucro cesante". Todo iso, continúa o CES, "cunha dotación orzamentaria suficiente" acompañada dunha redución na carga burocrática para que o seu pago "sexa áxil"; así como que se exploten "medidas de xestión adicionais" como a alimentación disuasoria do lobo.

REDE FERROVIARIA

Doutra banda, o CES tamén demanda ás administracións que desenvolvan unha política "a medio e longo prazo" para mellorar o transporte ferroviario en Galicia, tanto para os pasaxeiros convencionais como as redes de mercadorías, un aspecto este último que consideran "absolutamente residual" en Galicia e o conxunto estatal. En concreto, solicita que se prioricen proxectos de infraestruturas do corredor atlántico "para conseguir un incremento da participación do ferrocarril no transporte de mercadorías", cunha aposta polas instalacións portuarias e a intermodalidade.

Lobos ibéricos
Lobos ibéricos | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

A conexión con Portugal a través da saída sur de Vigo, unha planificación "suficiente e plurianual" cunha "dotación realista" para levar a cabo as actuacións necesarias son, ademais, outras das medidas que pon sobre a mesa o CES, que sitúa como prioridade aproveitar os fondos do período 21/27 para desenvolver as infraestruturas ferroviarias en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta