Jácome "seguirá facendo o mesmo" e di que a suposta malversación de fondos do seu partido "non ten base"

Un día despois de prestar declaración no Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense, o alcalde dixo que a súa preocupación por este asunto é "cero" porque "non ten ningún tipo de base" e que, deste xeito, seguirá "facendo o mesmo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volveu a reivindicar a súa inocencia ante a causa aberta pola suposta malversación de fondos procedentes do seu partido, Democracia Ourensana, un asunto que, segundo Jácome, "non ten base".

O Concello de Ourense celebrou este mércores un pleno extraordinario no que a oposición e o rexedor municipal intercambiaron opinións sobre a querela interposta pola Fiscalía a Jácome, que acudiu a declarar por esta causa o pasado martes.

Un día despois de prestar declaración no Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense, o alcalde dixo que a súa preocupación por este asunto é "cero" porque "non ten ningún tipo de base" e que, deste xeito, seguirá "facendo o mesmo".

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Luís Seara, foi o primeiro en empregar a súa quenda de palabra durante a sesión plenaria extraordinaria para falar da querela que Fiscalía interpuxo contra o alcalde.

Seara replicou a Jácome que a fiscal reuniu información durante todo un ano antes de interpola. "Denúnciase a alguén que presuntamente cometeu algún tipo de irregularidade e despois é cando se ve se é constitutiva de ilícito penal", aseverou o edil nacionalista.

"Ou sexa que, segundo iso, se se tarda un ano en presentar unha querela é porque hai base. Miúda frase para a historia", sentenciou Jácome, que insistiu en que se trata de "unha acusación" e "non unha sentenza". "Acusar pódese facer contra calquera persoa, outra cousa é que teña base e esta non a ten", apostilou o rexedor ourensán.

"Eu podo acusalos do que me dea a gana, logo se cadra téñome que ater ás consecuencias, pero acusar pódese acusar do que se considere", dixo o alcalde antes de defender que o que fixo Democracia Ourensá "é absolutamente legal".

"É absolutamente legal e o máis eficaz para o partido, fixémolo, facémolo e seguirémolo facendo", dixo Pérez Jácome, antes de insistir en que a acusación "é falsa" e que entende que "vai quedar en nada".

O pleno deste mércores serviu para toma de posesión do novo edil de Democracia Ourensá Antonio Fernández, que asume o acto que deixou libre Miguel Caride coa súa renuncia.

(I-D) A avogada do alcalde de Ourense, Vitoria Álvarez; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; e o tenente de alcalde Armando Ojea, á súa chegada ao Xulgado de instrución número 2 de Ourense para declarar por suposta malversación de caudais p. Rosa Veiga - Europa Press
(I-D) A avogada do alcalde de Ourense, Vitoria Álvarez; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; e o tenente de alcalde Armando Ojea, á súa chegada ao Xulgado de instrución número 2 de Ourense para declarar por suposta malversación de caudais p. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se este alcalde en minoría minoritaria é capaz de resistir contra vento e marea, con plenos públicos onde todo o mundo participa e co chat en aberto na canle de Youtube... será que a "oposición" vale moito menos que el... ou que nin siquera son quen de facer política ? Pero esta coña da Fiscalía fai gracia cando en Vigo a Fiscalía no caso sentenciado da cuñada de Carmela Silva dixo que ningún cargo político tiña responabilidades no caso (Fiscalía) e a xuíza de primeira instancia considerou que o cobro de 108.000 € como delito evidente "prescribira" para a cuñada que os cobrara ! Se alguén é capaz de entender á Fiscalía nun caso e no outro, que mo expliquen por favor !