Lores, sobre o seu futuro político: "Todo apunta a que siga traballando por Pontevedra"

Admite que foi un "ano duro", pero cualifica de "espectacular" o balance polos "fitos" conseguidos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2021 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un balance "espectacular" do ano 2021 para esta cidade, á vez que afirmou que está na "mellor época da súa vida", polo que avanzou sobre o seu futuro político que "todo apunta a que siga traballando por esta cidade". Aínda que engadiu que "aínda non é o momento oportuno" para falar da súa posible intención de volver ser candidato do BNG.

O rexedor mantivo este xoves unha reunión cos medios de comunicación co obxectivo de valorar a súa xestión neste ano, ademais de tratar de achegar unha serie de consideracións e valoracións tanto a nivel persoal como político. Fernández Lores sinalou que foi "un ano duro" por mor da pandemia e das diversas consecuencias que trouxo con ela, sociais, humanas e económicas. Nese sentido, Fernández Lores quixo dedicar algunhas palabras tanto á xente que faleceu como a aquelas familias que perderon un ser querido e tamén a aquelas persoas que arrastran aínda hoxe secuelas da enfermidade.

Dentro da política municipal, o alcalde do BNG definiu o 2021 como un ano "espectacular" xa que neste período o concello viu cumpridos algúns logros perseguidos durante bastante tempo, de destacounos catro "fitos" que sintan "as bases da Pontevedra do futuro".

"FITOS"

En concreto, aludiu á compra do Convento de Santa Clara e a sentenza da Audiencia Nacional que "dixo que Ence ten que deixar a ría de Pontevedra e, por tanto, deben ser recuperados os seus terreos". Unha "noticia impresionante" coa que o alcalde espera que "lles veña o sentido común á Xunta e á empresa" para manter a actividade económica da factoría noutro punto.

Outro "fito", segundo expuxo, é o inicio da construción do novo Hospital Gran Montecelo e a elección da cidade para que acolla as series mundiais de tríatlon para 2023. "O evento deportivo máis grande feito nunca en Pontevedra e, probablemente, a cita deportiva máis grande do Estado", apostilou.

Fernández Lores tamén destacou que o actual goberno de coalición é o mellor, comparativamente, dos que viviu ata de agora. "Un goberno que funciona, coordinado á hora de tomar grandes decisións políticas e cumprindo cada grupo coas súas responsabilidades", dixo. Así mesmo, aplaudiu a consecución dos fondos europeos para a recuperación dos espazos verdes ou a creación da marca Capital Gastro, "que farán que a cidade avance".

CRÍTICAS AO PP

Doutra banda, respecto da oposición do grupo municipal do Partido Popular, o rexedor argumentou que o líder da oposición, Rafa Domínguez "carece de coherencia política municipal" e limítase "a defender os intereses da Xunta". "Dá bandazos e o seu comportamento é o dun catavento político, e non o dunha persoa que ten un proxecto para a cidade", dixo.

Por último, Fernández Lores comentou que tamén foi un ano no que recibiu diversos ataques, mesmo agresións, e lembrou que a súa biografía persoal é unha historia de loita "e mil batallas" e que se sente "forte" grazas á experiencia recollida ao longo dos anos. 2021, engadiu, non fixo outra cousa que "reforzar" as súas ideas e conviccións porque "estas cousas a min actívanme, fanme seguir traballando". "Se alguén pensa que vou ceder, dicirlle que non, que estou animado e que estou rodeado dun equipo de xente impresionante", sentenciou.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta